Palabras con memoria: moito ou pouco

Nova edición das 'Palabras con memoria' de Ramiro Torres.
A palabra "chispa", a carón de verbos negativos, significa "nada". (Foto: Nós Diario)
photo_camera A palabra "chispa", a carón de verbos negativos, significa "nada" ou "pouca cousa". (Foto: Nós Diario)

chispa.- (Ademais de significados obvios) Ao lado dalgúns verbos negados significa nada ou pouca cousa.

Exemplo.- “Vamos de aquí, que esta música non che me gusta chispa.”

Lugar de escoita.- Burela.

Fonte.- Mario Ferreira.

comarea.- Moito/a.

Exemplo.- “Había comarea de xente.” / “Quéroche comarea.” / “Matou peixe comarea.”

Lugar de escoita.- Muxía.

Fonte.- Proxecto Buserana de Muxía.

espeso/a.- (Ademais de obvios significados) Moito/a.

Exemplo.- “A min as sardiñas sábenme espeso” / “Na praia había xente espesa.”

Lugar de escoita.- A Mariña luguesa, especialmente a zona de Viveiro.

Fonte.- Isidro Novo.

ite.- Igual, idéntico, (cos seus diminutivos itiño e itiña /igualiño, igualiña).

Lugar de escoita.- Aguiño.

Fonte.- Andrés Torres Queiruga.

Outros apuntamentos.- Apunta a fonte a clara derivación da palabra achegada do latín idem.

regañado/a.- (Ademais doutros significados coñecidos) Moito, en abundancia.

Exemplo.- “Vou comer algo, que teño fame regañada” / “Casou con esa vella, que ten cartos regañados.”

Lugar de escoita.- Burela.

Fonte.- Mario Ferreira.

sacramento.- (Ademais de significados obvios) A carón dalgúns verbos, pouco ou nada.

Lugar de escoita.- Burela.

Fonte.- Mario Ferreira.

Comentarios