Palabras con memoria: violencias

Nova edición de 'Palabras con memoria' de Ramiro Torres.

Bacorela é unha palabra utilizada para insultar. (Foto: Pathdoc)
photo_camera Bacorela é unha palabra utilizada para insultar. (Foto: Pathdoc)

bacorela.- Palabra utilizada para insultar.
Exemplo.- “Cala, bacorela!”
Lugar de escoita.- Valdeorras.
Fonte.- Ánxeles Ferrer.

encorcollar.- Deformar, retorcer unha superficie por medio dun ou de varios golpes.
Exemplo.- “O choque do camión deixou todo encorcollado o quiosco.”
Lugar de escoita.- O Morrazo.
Fonte.- Francisca Abalde Omil.
Outros apuntamentos.- Trátase dunha variante de encorcar creada cun infixo intensivo. Grupo Maré do Morrazo, formado por Salvador Castro Otero, Lucía Durán Paredes, Xosé Manuel González Barreiro, Henrique Harguindey Banet, Xosé Martínez García, Soledad Ríos Santomé, Ramón Rocamonde Gómez e María Emma Tilves Pazos.

esnizar.- Desnizar, desfacer, destrozar.
Exemplo.- “Entroume a raposa e esnizoume catro pitas.”
Lugar de escoita.- Son (Navia de Suarna).
Fonte.- Raquel González Díaz/Endl de Navia de Suarna.

mazucar.- (Ademais de significados xa rexistrados) Darlle unha malleira a alguén.
Exemplo.- “O Thyson masucou no outro que non sei se lle quedaría un óso enteiro.”
Lugar de escoita.- O Morrazo.
Fonte.- Isabel Paz.
Outros apuntamentos.- Pronúnciase con seseo. Existe a variante, máis estendida, masicar. Grupo Maré do Morrazo, formado por Salvador Castro Otero, Lucía Durán Paredes, Xosé Manuel González Barreiro, Henrique Harguindey Banet, Xosé Martínez García, Ramón Rocamonde Gómez e María Emma Tilves Pazos.

trenxar.- Pelexar sen se mancar.
Exemplo.- “Os teus gatos botan a tarde trenxando.”
Lugar de escoita.- Monfero.
Fonte.- Veciño de Monfero.

Comentarios