Palabras con memoria: non botes a lingua a pacer, que todo o mundo ten cousas...

Nova edición das 'Palabras con memoria' de Ramiro Torres.
No Morrazo chámase cadrezo á persoa que anda de bares, en aparencia sen ningunha outra ocupación. (Foto: Nós Diario)
photo_camera No Morrazo chámase cadrezo á persoa que anda de bares, en aparencia sen ningunha outra ocupación. (Foto: Nós Diario)

axe.- (Ademais de significados xa rexistrados) Vergoña, deshonra...
Exemplo.- “O rapaz roubou na casa dun veciño e aquilo foi un axe para a familia.”
Lugar de escoita.- Rodís (Cerceda).
Fonte.- Ramón Vilar Landeira.
Outros apuntamentos.- A fonte informa que lla oíu á súa avoa nada en 1906 e residente na parroquia indicada.

cacheleiro/a.- Persoa que con frecuencia rompe pezas de louza.
Exemplo.- “Manolo é un cacheleiro, non ten dous pratos enteiros en toda a casa.”
Lugar de escoita.- O Morrazo.
Fonte.- Carme Plata.
Outros apuntamentos.- Grupo Maré do Morrazo, formado por Salvador Castro Otero, Lucía Durán Paredes, Xosé Manuel González Barreiro, Henrique Harguindey Banet, Xosé Martínez García, Ramón Rocamonde Gómez e María Emma Tilves Pazos.

cadrezo/a.- Persoa que anda de bares, en aparencia sen ningunha outra ocupación. Persoa de vida desordenada e pouco proveitosa, sen ningún tipo de preocupación.
Exemplo.- “Cando vai pechar o bar, só quedan os cadrezos”. “Disque colleu moza, a ver se non é un cadrezo.”
Lugar de escoita.- O Morrazo.
Fonte.- María Paredes.
Outros apuntamentos.- Pronúnciase con seseo. Grupo Maré do Morrazo, formado por Salvador Castro Otero, Lucía Durán Paredes, Xosé Manuel González Barreiro, Henrique Harguindey Banet, Xosé Martínez García, Ramón Rocamonde Gómez e María Emma Tilves Pazos.

caghaboghas.- Persoa cuxa opinión semella ser un xuízo inamovible.
Lugar de escoita.- Bembrive (Vigo).
Fonte.- Alba Pérez.
Outros apuntamentos.- Desde a APAMP (Vigo). Con gheada.

emproado/a (estar, ser, andar).- Ter proa, presunción, fachenda.
Exemplo.- “Anda todo emproado coma un galo no poleiro.”
Lugar de escoita.- Melide.
Fonte.- Henrique Harguindey.

Comentarios