Palabras con memoria: fantasiando

Nova edición das 'Palabras con memoria' de Ramiro Torres.
Representación do gatipedro, ser mitolóxico da Galiza creado por Cunqueiro.
Representación do gatipedro, ser mitolóxico da Galiza creado por Cunqueiro.

antaruxada.- Procesión de vivos (a diferenza da Santa Compaña, que é de mortos) que percorre (percorría) de noite os camiños dunha parroquia. Circulan diversas historias sobre ela.
Lugar de escoita.- Moa - Vilatuxe, Serra do Candán (sudoeste do concello de Lalín).
Fonte.- Daniel Blanco Moa.
Outros apuntamentos.- Aínda que aparece en algún dicionario, a explicación do seu significado resultábanos confusa, polo que nos pareceu ben integrala neste glosario. Evidentemente deriva de antaruxa = meiga.

gatipedro.- Ser mitolóxico de Galicia, creado por Cunqueiro, que ten aspecto de gato branco cun corno negro no medio da fronte e que camiña apoiándose, ademais de coas súas catro patas, coa lingua.
Lugar.- Álvaro Cunqueiro ("Novidades do mundo e fauna máxica" de Escola de menciñeiros)
Fonte.- Claudia Herron Mulet.

marriña.- Persoa semellante a unha meiga, con poderes especiais.
Lugar de escoita.- A zona de Valdeorras.
Fonte.- Ánxeles Ferrer.

pandigueiro.- Home lendario que no tempo de Nadal baixa dos montes e comproba a fartura dos nenos apalpándolles o bandullo e déixalles castañas contra a fame.
Lugar de escoita.- O Courel.
Fonte.- Dun vocabulario courelao.

tabello.- Demo, trasno.
Exemplo.- “Que susto me deches aparecendo así de golpe, pareces un tabello.”
Lugar de escoita.- Santo Adrián de Cobres (Vilaboa do Morrazo).
Fonte.- Sé Anxo Rosales González.

Comentarios