Palabras con memoria: formas da lingua

Nova edición das 'Palabras con memoria' de Ramiro Torres.

Estorroar é sinónimo de conducir a moita velocidade. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Estorroar é sinónimo de conducir a moita velocidade. (Foto: Nós Diario)

bai.- Si, vale, conforme, de acordo.
Lugar de escoita.- Bergantiños e noutras zonas da Galiza rural.
Fonte.- Alberte Suras.
Outros apuntamentos.- Coincidencia co mesmo termo "bai" do euskera.

estorroar.- Conducir a moita velocidade.
Exemplo.- “Estorróalle ao coche que dá medo”.
Lugar de escoita.- O Courel.
Fonte.- Dun vocabulario courelao.

miaxa.- Pouco, derivación de miga no seu sentido figurado.
Lugar de escoita.- A Mariña luguesa.
Fonte.- Isidro Novo.
Outros apuntamentos.- Tendo xa un significado diminutivo, tamén ten o seu: miaxiña.

onde e onde.- Locución: Aquí e alí / aquí e alá.
Exemplo.- “Botei unhas leitugas onde e onde”. “O muro ten un pedrullo onde e onde”.
Lugar de escoita.- San Martiño e San Adrán (Vilaboa do Morrazo).
Fonte.- Sé Anxo Rosales González.

ou ou.- Locución que significa: ou máis/ ou mellor.
Exemplo.- “Debe ter setenta anos ou ou”. “Fai punteiros tan ben como el ou ou”.
Lugar de escoita.- San Martiño e San Adrán (Vilaboa do Morrazo).
Fonte.- - Sé Anxo Rosales González.

Comentarios