Palabras con memoria: (re)construíndo

Nova edición das 'Palabras con memoria' de Ramiro Torres.
Debasar é sinónimo de clarear a cor. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Debasar é sinónimo de clarear a cor. (Foto: Nós Diario)

abrazadeira.- (Deixando a un lado significados comúns) Cando se fai unha parede de pedra, chámaselle así á que se coloca enriba do corte das dúas da fileira anterior, matando o corte. A súa función é que o valo non fenda por ese corte.
Lugar de escoita.- Cuntis (Pontevedra).
Fonte.- Marcos Seixo.

alestir.- Reparar as redes.
Exemplo.- “A miña nai alestía palangres da castañeta.”
Lugar de escoita.- A Ribeira do Berbés, en Vigo. Tamén nalgunha ocasión a mariñeiros de Ribeira.
Fonte.- Marta Dacosta.

calzada.- (Ademais de significados xa rexistrados) Muro de pedra utilizado nas presas do río.
Lugar de escoita.- O Courel.
Fonte.- Dun vocabulario courelao.

chorniolo.- Fachinelo pequeno nunha parede ou tellado que dá ao exterior.
Exemplo.- “A bodega está pouco iluminada, entra unha pouca de luz por un chorniolo cativo no tellado.”
Lugar de escoita.- Carbeiral - Bardaos (San Sadurniño).
Fonte.- Lino Sanjurjo.

debasar (ou devasar).- Clarear a cor.
Exemplo.- “A pintura deste teito parece demasiado escura, pero nuns días irá deb/vasando.”
Lugar de escoita.- Aguiño.
Fonte.- Andrés Torres Queiruga.

Comentarios