O galego "non é lingua" para caixeiros

Ducias de persoas amosan, a través de rechíos, a súa preocupación polo uso do galego en caixeiros dun centro comercial de Vigo. A advertencia dos erros xurdiu por parte dun usuario que lamentou que as grallas sempre aparezan na lingua propia. A Mesa pola Normalización Lingüística xa se ofreceu a levar adiante esa denuncia.
Un usuario tirou unha fotografía das indicacións. (Foto: @AlexCostasVila) #lingua #galego #caixeiro
photo_camera Un usuario tirou unha fotografía das indicacións. (Foto: @AlexCostasVila)

O incorrecto uso do galego volve ser motivo de crítica nas redes sociais. Nesta ocasión non foi unha institución pública a que cometeu o erro, pero si foi detectado nun lugar público polo que pasan milleiros de persoas.

Un usuario dun caixeiro dun centro comercial de Vigo tomou unha fotografía dun cartel indicativo que atopou na máquina para retirar cartos. Malia que o escrito en castelán tamén ten algunha gralla, a maioría dos erros nunha frase simple atópanse na lingua propia do país.

De feito, o tuiteiro fai unha reflexión considerando que os erros "cando se escribe en dúas linguas, sempre están no texto en galego".

Acompaña a mensaxe dunha fotografía na que se pode ler "Se desexa recibo pulse 'se quero'". No seu lugar debería aparecer "Se desexa recibo prema 'si quero'".

O denunciante, que recibiu unha mensaxe da Mesa pola Normalización Lingüística animándoo a facer unha denuncia polo mal uso do galego, remarcou que o problema é común en todos os caixeiros do centro comercial vigués ao que acudiu.

Mesmo chegou a apuntar aos erros dun posíbel tradutor automático, ao igual que fixeron outras persoas que chiaron a súa denuncia.

Ao tempo que A Mesa propuña tamén pelexar para que a lingua "resaltada sexa a galega", outras persoas comentaban con certo malestar tanto os problemas na escrita nas dúas linguas como o sentimento que producen o considerado como un desleixo co idioma da Galiza.

"É moi ofensivo, como galegofalante, atopar sempre estas cousas. Sempre os erros no galego", resumiu @AlexCostasVila.

Comentarios