A Mesa presentou a aplicación gratuíta para iOS e Android

A Liña do Galego xa ten a súa app

Marcos Maceira, como representante da Mesa Pola Normalización Lingüística, presentou esta mañá en Santiago de Compostela a nova aplicación para móbil e tableta da Liña do Galego, coa que os usuarios poderán facer valoracións positivas e negativas das institucións e empresas que empreguen o galego nos seus produtos e no seu funcionamento diario. Vídeo no interior.

A Liña do galego xa ten aplicación propia. A Liña do Galego -até o de agora un telefone e un correo electrónico- é un servizo gratuíto ofrecido pola Mesa dende o ano 2007, no que se atenden as queixas de persoas galegofalantes que ven como os seus dereitos a viver en galego son conculcados por parte de institucións e empresas.

A orixe da Liña do Galego radica na necesidade de garantir o uso da  nosa lingua. Marcos Maceira afondou no asunto: “Neste país o normal debería ser a utilización da lingua galega e a realidade é todo o contrario”, ao tempo que afirmou que “a xente reivindica moito máis os nosos dereitos lingüísticos e con aplicacións como esta contribuímos a espallar a defensa do galego.”

O usuario pode subir as súas propias queixas e parabéns e tamén consultar o seu historial

A partir de agora, os consumidores galegos tamén poderán dar os parabéns aos que si empreguen o galego como lingua vehicular no labor empresarial. Coa app A Liña do Galego, introdúcese a novidade de poder recoñecer as boas prácticas daqueles que contribúen a que as galegas e galegos poidan cumprir o seu dereito de vivir falando a lingua propia do país. A aplicación -desenrolada por Imaxin Software- componse dun menú de inicio onde se poden observar todas as críticas, tanto boas como más, que se atopan subidas polos usuarios. O usuario pode pendurar as súas propias queixas e parabéns e tamén consultar o seu historial.

“Este ano, aínda sen o aplicativo funcionando, levamos tantas críticas recollidas como no 2015"

A recollida de queixas e parabéns roldaba as 200 no ano 2015, das cales o 90% eran queixas, mais dende o pasado mes de xaneiro, a Liña do Galego experimentou un aumento de participación moi considerábel que se verá reforzado polo lanzamento da aplicación móbil. “Este ano, aínda sen o aplicativo funcionando, levamos tantas críticas recollidas como no 2015. Isto quere dicir que o nivel de consciencia a redor da lingua está aumentando”, apuntou Maceira, quen ademais prevé que isto medre moito máis: “As previsión sen aplicativo era duplicar o número de trámites da Liña do Galego e pensamos que iso se vai multiplicar máis aínda con esta ferramenta.”

O acto foi presentado no espazo enocultural Vide, Vide! como exemplo dun negocio onde se emprega o galego como lingua vehicular. Ademáis, Luz Castro -da desenroladora, Imaxin Software- explicou as especificacións e o funcionamento da aplicación.

Comentarios