Kathleen March, académica de honra da Academia Galega: “Espero achegar unha ollada diferente e sempre solidaria”

A catedrática emérita da Universidade de Maine, autora de traducións e estudos fundamentais para a proxección internacional da cultura galega, leu o discurso titulado Máis alá do manifesto nunha cerimonia que decorreu no Balneario de Mondariz.

Kathleen March
photo_camera Kathleen March, no centro, con membros da Real Academia Galega onte en Mondariz.

“Coñecín a Galiza en 1975, cando era estudante na Universidade de Buffalo. Foi unha visita de poucos días”. Así contaba Kathleen March a Nós Diario nunha entrevista en agosto de 2022 o seu primeiro contacto co país, esta terra na que case 50 anos despois March entraba como académica de honra na Real Academia Galega, a “ferramenta que os galegos se daban a si mesmos para o fomento da súa cultura e para a codificación e estudo do seu idioma”.

O acto decorreu nun acto público e aberto no auditorio Infanta Isabel do Balneario de Mondariz. Alí, March deu leitura ao seu discurso de entrada, Máis alá do manifesto. March agradeceu á RAG a confianza depositada nela ao nomeala académica de honra. “Espero achegar unha ollada diferente e sempre solidaria cos esforzos por levar o galego polo mundo adiante”, dixo.

Na súa intervención falou de Manuel Antonio e Álvaro Cebreiro, de Rosalía de Castro e Xoahana Torres, entre moitas outras. Reflexionou sobre a tradución, os novos formatos de lectura ou que camiños seguir para unha internacionalización da literatura galega. “É esencial vermos a literatura galega como a literatura da Galiza e non como literatura española en galego”, afirmou ao tratar as perspectivas da tradución.

Considera a filóloga estadounidense que a galega non é unha literatura “marxinal, iso está superado”, e indica que a literatura galega “poderíase ver como unha literatura de resistencia”. Pofundou en ideas e posíbeis iniciativas para camiñar "máis alá" na internacionalización da literatura galega, non limitándose ao formato do "libro obxecto" para avanzar cara a outras potencialidades. 

Realizou, ademais, unha "lectura poética" en inglés de textos de autores galegos: Eduardo Pondal, Rosalía de Castro, Manuel Antonio, Luz Pozo Garza, Xohana Torres, Xosé Luís Méndez Ferrín, Marica Campo, Alberto Avendaño, Emma Pedreira e Luisa Villalta.

1975

Kathleen March chegou por primeira vez a Galiza no ano 1975 para investigar a poesía de Manuel Antonio, coautor do manifesto Máis alá (1922) evocado no título do ensaio co que ingresa na Academia. A directora da Sección de Lingua da Real Academia Galega, Rosario Álvarez, foi a encargada de darlle resposta ao discurso da profesora estadounidense

Ademais de profundar na obra do poeta rianxeiro Manuel Antonio, Kathleen March ten realizado achegas relevantes relacionadas con outros autores galegos como Carvalho Calero, Castelao, Luz Pozo Garza, Xohana Torres ou Rosalía de Castro. A lectura e análise de La hija del mar levouna a profundar desde 1988 na intersección entre literatura, feminismo e nacionalismo na Galiza. Esta foi, en 1995, a primeira das moitas obras literarias que traduciu ao inglés, contribuíndo á proxección das letras galegas no ámbito anglosaxón. Seguíronlle, entre outros, Lieders de Rosalía de Castro (1997), Arredor de si de Ramón Otero Pedrayo (1995 e 2007), Xente de aquí e acolá de Álvaro Cunqueiro (2011), Tigres de ternura e Rosalía’s Revolution in New York de Claudio Rodríguez Fer (2012 e 2014), Un nicho para Marilyn (2016) e Lume de cobiza (2018) de Miguel Anxo Fernández, Bibliópatas e fobólogos de Emma Pedreira (2022), Pensa nao de Anxo Angueira (2019), Seique de Susana Sánchez Aríns (2021), Memoria para Xoana (2021) e Confusión e morte de María Balteira (2022) de Marica Campo (2022). 

Tamén se encargou da edición dos volumes colectivos Festa da Palabra. An Anthology of Contemporany Galician Women Poets (1989) e An Anthology of Galician Short Stories (1991). Xa no ámbito da creación, publicou diversos relatos e poemas, tanto en inglés coma en galego.

Kathleen March tamén traballou a prol da proxección da cultura galega como fundadora da Galician Studies Association, precursora da actual Asociación Internacional de Estudos Galegos, creada co obxecto de impulsar os estudos galegos na academia norteamericana e máis adiante ampliada ao ámbito internacional.

Foi a súa primeira directora e recuncou como tal nunha segunda etapa entre 2000 e 2003. Participou así mesmo en numerosos congresos e conferencias, con disertacións sobre autoras como as mencionadas Rosalía de Castro e Xohana Torres, Eiléan Ní Chuilleanáin, María Mariño Carou, Carmen Blanco ou Pilar Pallarés, entre outras moitas.

A súa contribución á internacionalización da cultura de noso foi recoñecida co Premio da Cultura Galega no apartado de Proxección Exterior (2015) e a I Bolsa en Residencia Xacobeo para tradutores en lingua galega.

Comentarios