Ler como feminista, unha xornada arredor de Kathleen March

A próxima quinta feira, 27 de outubro, o Consello da Cultura Galega organiza unha xornada arredor da figura de Kathleen March, catedrática da University of Maine e galega por elección que fundou e presidiu a actual Asociación Internacional de Estudos Galegos.

[Imaxe: AELG] Kathleen March
photo_camera [Imaxe: AELG] Kathleen March

O Consello da Cultura Galega organiza a próxima quinta feira, 27 de outubro, a xornada "Kathleen March, ler como feminista", unha actividade aberta previa solicitude de inscrición.

A xornada abrirase ás 10h coa intervención do presidente do CCG, Ramón Villares, e de María Xosé Agra Romero, membro da Comisión de Igualdade do CCG. “Kathleen March, galicianista de aquí e acolá” é o título da primeira palestra, que correrá a cargo de Claudio Rodríguez Fer, profesor da USC. A continuación, decorrerá “Olladas interseccionais: corpos/corpus en tránsito na contemporaneidade”, de Andrea Ruthven, investigadora do Feminario da Uvigo.

Ánxela Lema, lectora no Centro de Estudos Galegos de París, pronunciará o relatorio  “Como sobrevive a nosa-outra? A recepción da escrita feita por mulleres na actualidade”, mentres que Antía Marante, lectora de galego no Centro de Estudos Galegos de Kiel pronunciará “Nouvelle Poesía e tradución: versos galegos no Báltico”.

Para fechar a xornada de mañá, dedicada ao aspecto científico, Mariam Mariño Costales, técnica de Igualdade do CCG, presentará a cartografía Kathleen Nora March na Cartografía de Mulleres.

Xa durante a tarde, na sesión dedicada á memoria, Pilar García Negro, Burghard Baltrush, Helena González Fernández e Xosé Ramón Fandiño Veiga intervirán nunha reflexión-debate e, após, Marga Romero conversará con Kathleen March. Antes da clausura, que correrá a cargo de Teresa López e Dolores Vilavedra, terá lugar unha visita guiada á exposición pola súa protagonista.

Kathleen March (Rochester, NY, 1949) é catedrática emérita de Español na University of Maine. En 1975 veu a Galiza para investigar sobre a poesía de Manuel Antonio e aquí ficou prendida. Logo virían estudos sobre Carvalho Calero, Castelao, Luz Pozo, Xohana Torres e tamén Rosalía. As súas traducións de Cunqueiro, Rosalía e Otero Pedrayo son outra faceta dun traballo académico imprescindíbel que axudou á proxección da literatura galega no ámbito anglosaxón. Nos anos 80 fundou e presidiu a Galician Studies Association (a actual Asociación Internacional de Estudos Galegos).

Comentarios