'Cis', 'trans', 'aeroxerador', 'antropoceno', 'tren de proximidade'... estas son as novas incorporacións ao Dicionario da RAG

O repertorio dispón desde a semana pasada dunha nova aplicación para dispositivos móbiles, para Android e iOS, que simplificará o acceso ás futuras actualizacións.
Dicionario da Academia (Foto: RAG).
photo_camera 'Antropoceno' é unha das novas achegas do Dicionario da Academia. (Foto: RAG)

'Idadismo', 'cis', 'antropoceno', 'trans', 'aeroxerador', 'zápping', 'jacuzzi' ou 'mandala' son algunhas das novas incorporacións, presentadas esta terza feira, ao Dicionario da Real Academia Galega, que incluirá tamén na súa próxima actualización o termo 'percebeiro', aínda non recollida no libro.

As novidades do dicionario da RAG recibiron o visto e prace do Seminario de Lexicografía da Academia e entre elas están, ademais, novas acepcións para palabras como 'crocante' —alimento que fai ruído ao mordelo ou masticarlo—, 'compoñedor' —persoa que pon de acordo dúas partes enfrontadas— ou 'transportador' —receptáculo para transportar animais domésticos pequenos—.

Así pois, segundo trasladou a RAG nun comunicado remitido aos medios esta terza feira, súmanse neoloxismos como 'idadismo' —discriminación contra persoas ou colectivos por razóns de idade— e 'idadista', e abreviaturas como 'cis' e 'trans' doutras palabras xa recollidas como 'cisxénero' e 'transxénero', ou novos termos como 'deporte electrónico' ou 'aeroxerador'.

A actualización do dicionario de lingua galega reflicte a crecente preocupación polo cambio climático coa entrada da voz 'antropoceno' —época máis recente do período cuaternario na que as actividades humanas empezaron a provocar importantes e permanentes cambios biolóxicos e xeofísicos a escala mundial— e das locucións 'quecemento global' e 'efecto invernadoiro', así como outros termos asociados ao mundo da cociña e a alimentación como 'alfábega' —planta herbácea moi aromática, de talo erecto e ramificado, follas ovadas e dentadas e flores brancas en espiga, da que se utilizan as follas frescas ou desecadas como condimento— ou 'alfarroba' —froito en legume da alfarrobeira, indehiscente e coriáceo, de cor castaña escura e con sementes arredondadas—.

Tamén se actualizan familias léxicas que "son moivo de consultas recorrentes por parte dos usuarios" que acoden ao dicionario. Dentro deste grupo están 'expendoría', 'lexibilidade', 'segredismo', 'solteiría', 'procedemental', 'actitudinal', 'competitividade', 'masaxear', 'titorizar' ou 'versionar'.

Por último, entra no dicionario unha remesa de estranxeirismos como 'mandala', 'zápping' ou 'jacuzzi', alén de palabras de vocabularios especializados pero de uso estendido como 'incomparecencia', 'peticionar', 'trabar embargamento' ou 'embargo'. Aliás, súmanse 'escoada', sinómimo de 'coada', e 'delta lávico', dous termos que proceden da revisión xurdida após a erupción do volcán da Palma en 2021.

A Academia comunicou que na próxima actualización do seu dicionario incluirase o termo 'percebeiro', que xa foi recoñecido polo Seminario de Lexicografía. E está xa operativa a última versión da aplicación móbil do Dicionario da RAG, desenvolvido pola Academia co apoio da Fundación Barrié para dispositivos Android e iOS, "que simplificará o acceso ás futuras actualizacións".

Comentarios