Palabras con memoria: comendo palabras

Nova edición de 'Palabras con memoria' de Ramiro Torres.
Dise chapante da persoa afeccionada a comer e beber. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Dise chapante da persoa afeccionada a comer e beber. (Foto: Nós Diario)

apaxoar.- (Ademais de significados rexistrados) Manter farto o gando, darlle ben de comer. Estar apaxoado: dise tamén cando unha persoa xa comeu o suficiente, está satisfeita, farta e non precisa máis alimento.
Exemplo.- “Xa podes levar as vacas para a casa, xa están apaxoadas.”
Lugar de escoita.- Sober.
Fonte.- Ramón Sandoval.

apicolada/o, apicolar.- Cheo/a ata os topes.
Exemplo.- “Tiña tanta fame, que tomou un prato apicolado.”
Lugar de escoita.- Balboa, Trabada, Mariña Oriental. Lugo.
Fonte.- Rosalía Díaz Díaz, avoa da alumna Rosalía Bernárdez Riopedre, do IES Leiras Pulpeiro.

buído/a (ou vuído/a).- Estar cheo/a ou canso/a.
Exemplo.- “Na voda farteime a peixe. Estou buído.”
Lugar de escoita.- Lavadores (Vigo).
Fonte.- Enrique Lorenzo Lago.

cangarse.- (Ademais de significados xa rexistrados) Atragoarse.
Exemplo.- “Había unha cha de xente no concerto da banda.”
Lugar de escoita.- O Courel.
Fonte.- Dun vocabulario courelao.

chapante.- Afeccionado/a a comer e beber.
Lugar de escoita.- Cuntis.
Fonte.- Marcos Seixo.
Outros apuntamentos.- Os habitantes de Cuntis son coñecidos nos concellos próximos como “os chapantes”.

Comentarios