O galego de Asturias, unha lingua en desvantaxe ante o asturiano e o español

O galego de Asturias, que se fala principalmente na comarca do Eo-Navia, padece unha tripla minorización ao carecer de regulación especial, ao estar "abandonado" por parte dos responsábeis políticos e lingüísticos asturianos e polo feito de que estes últimos non utilicen un "glotónimo" conforme á súa dignidade como idioma, denuncia Axuntar, asociación prá normalización del galego de Asturias.
Presentación do 'II Informe sobre a lingua del Eo-Navia' o mes pasado en Santalla de Ozcos. (Foto: Axuntar)
photo_camera Presentación do 'II Informe sobre a lingua del Eo-Navia' o mes pasado en Santalla de Ozcos. (Foto: Axuntar)

No II Informe sobre a lingua del Eo-Navia. Bilingüismo en Asturias, que vén de publicar Axuntar, esta entidade dá un paso máis para explicar como naceron as linguas románicas, como se clasifican estes idiomas, as características comúns de todas as falas galegas e as peculiares da lingua galega do Eo-Navia. O documento explica fenómenos fonéticos e morfolóxicos  "controvertidos" do galego de Asturias como é a palatalización (leite/lleite); o artigo determinado masculino el/o como aspecto etimolóxico e non como castelanismo; os posesivos (sou, meu) como trazo característico deste galego; así como o fenómeno de que o galego ten sete vogais, a diferenza do asturiano ou do español, que teñen cinco.

"Negar o pasado"

O segundo informe sobre o galego de Asturias busca tamén explicar por que os falantes e a sociedade "estigmatizan" o idioma cos conceptos de linguas minoritarias e minorizadas, bilingüismo e diglosia.

Para Axuntar, "chapurreau, castrapo, a fala, gallego-asturiano e eonaviego" son glotónimos –nome que se lle dá a unha lingua– e eufemismos varios que "escoden a filiación, que negan un pasado e un futuro, nomes que se lle pon ao idioma galego que se fala en Asturias para ocultar o que a ciencia di e que son un elemento máis das múltiples discriminacións que secularmente sufriu este occidente desdeixado".

Un territorio, tres linguas

Para Axuntar é "incuestionábel" que en Asturias coexisten tres linguas, con distinta distribución xeográfica, social ou de uso situacional: o español, o galego e o asturiano. Porén, fronte ao "recoñecemento" que a Constitución española e o Estatuto de Autonomía fan do español e do asturiano, o galego só aparece nomeado na Lei de uso, no artigo 2, e nunha disposición adicional. "O galego está ausente en moitos dos artigos legais nos que se fala do asturiano, polo tanto, en dobre desvantaxe con respecto deste", afírmase no II Informe. A esta desvantaxe, Axuntar suma a falta de consenso na normativa lingüística. "Hai quen emprega as normas propostas pola Academia da Llingua Asturiana, pero hai asociacións e persoas que só aceptan as normas publicadas nos anos 90 pola Mesa pola defensa do galego de Asturias (MdgA), as únicas –de momento– que se acercan ao xeotipo galego-portugués".

Como recolle o documento, o galego asturiano conta coa pouca protección que lle achegan o Estatuto de Autonomía de Asturias e a Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias. Porén, na actualidade, a imaxe dela que proxectan desde as responsabilidades políticas e lingüísticas é a dun idioma vulgar, completamente ausente na Universidade. "O feito de que a Administración non use un glotónimo conforme á súa á súa dignidade idiomática é toda unha declaración de intencións", conclúe Axuntar.

37.000 falantes

A anterior edición do informe, presentado hai un ano e titulado Informe lingüístico do Navia-Eo. Sen fronteiras: galego de Asturias; sinalaba que arredor de 37.000 persoas teñen o galego como idioma nas terras estremeiras do Eo-Navia.

No Congreso

Axuntar remitiu unha carta á presidenta do Congreso español, Francina Armengol. Nela pedían que "se lle dea o valor que merece" ao galego como unha das linguas propias de Asturias e que se dean pasos cara á "súa dignificación idiomática, a súa conservación e promoción". En resposta, Armengol comunicou á asociación que as deputadas e os deputados asturianos que falen galego poderán facelo tamén na Cámara Baixa. "As linguas non poden ser un elemento de confrontación, senón unha ferramenta para o diálogo", dixo.

Comentarios