sábado 16/10/21
O filólogo pontearéan é autor da tese 'O léxico da hipoloxía no galego oral'

Fernando Groba: "O bonito do traballo sobre os equinos foi que atopei alternativa galega aos castelanismos"

Recentemente presentou a súa tese O léxico da hipoloxía no galego oral, dispoñíbel no repositorio da Universidade de Vigo (UVigo). O investigador de Ponteareas investiu no traballo de recollida de léxico sobre os equinos uns sete anos e reuniu na súa base de datos 73.333 rexistros, non só da Galiza senón tamén de territorios vencellados como o norte de Portugal ou as localidades estremeiras de Asturias, León e Zamora.
B46B8866
O filólogo ponteareán reuniu 73.333 rexistros na súa base de datos sobre léxico a hipoloxía. (Foto: Nós Diario)

Cóntenos que se recolle na súa tese, neses máis de 70.000 rexistros?

O estudo recolle, por unha banda, unidades monoverbais, é dicir, palabras illadas, pero por outra banda tamén recolle unidades pluriverbais, isto é, máis dunha palabra, locucións e incluso refráns.

A estrutura do traballo é convencional, cunha introdución e un contido, en capítulos, onde se inclúe a análise e a clasificación terminolóxica do recollido, e a parte final conclusiva e bibliográfica.

Mais en canto ao campo léxico de estudo, distribuíno en cinco grandes bloques: as denominacións dos equinos, terminoloxía común dun e doutro lado da raia; palabras, termos e expresións coas que denominamos as partes do corpo dos animais, tanto no exterior como no interior; os nomes para os problemas de saúde e tamén para os remedios e as curacións; as accións que levan a cabo os propios animais; e todo o que ten que ver coas cores das pelaxes.

Había un sexto bloque que finalmente quedou fóra, referido á doma e á domesticación, e que en rexistros supuña case 50% dos 73.333 totais. 

Cales son os seus proxectos de futuro? Pensa na publicación da tese, nun traballo arredor da doma...?

A tese pode consultarse no repositorio da UVigo, mais agora o que pide é un dicionario, un estudo con entradas e definicións ao uso, ou como dicionario visual, é dicir, se falamos das artes do corpo case é máis interesante facelo visual, pero iso aínda está por facer. 

Na tese están envorcados case 40.000 rexistros, e nese total non son todo formas distintas senón que as hai repetidas, porque hai informantes que lle chaman do mesmo modo a unha parte do corpo, por exemplo. Arredor de 20.000 son formas non repetidas, mais as repetidas teñen a vantaxe de que me permiten saber a frecuencia de uso de cada forma.

O bonito deste traballo tamén foi que atopei en galego nomes para todo. Como afeccionado aos equinos, aos cabalos e aos burros, ás veces descoñecía a terminoloxía e só escoitaba o castelanismo, e atopei alternativa para todo e para máis, unha satisfacción enorme. 

En canto ao bloque que ten a ver coa domesticación, desboteino na tese polo volume e porque tamén é un aspecto non tan próximo aos equinos, senón máis vencellado ao ser humano e ao trato que lles damos aos animais. Só da doma e da domesticación tiña arredor de 35.000 rexistros, o que dá practicamente para facer outra tese. 

Fala vostede de que o equino é un animal totémico na Galiza. A que se refire?  

Temos o hábito de dicir que a vaca é o animal totémico da Galiza, porque traballa, dá leite, dá carne... Mais no caso dos equinos, o propio Antón Vázquez Corral, director técnico de Puraga (Pura Raza Galega) díxome algo que recollín na tese, que é que as persoas que teñen o gando no monte crían as vacas polo rendemento económico, mais as anécdotas cóntanas cos cabalos, non coas vacas. As galegas e os galegos temos unha vinculación enorme cos equinos, unha relación case sentimental ou romántica.

Que sexamos o segundo territorio do Estado español con máis número de censo equino, só por detrás de Andalucía, é por algo, tendo en conta ademais que non todas as pezas están rexistradas. 

E mesmo analizar as funcionalidades do gando equino hoxe en día e as que tiña hai 50 anos, como a sociedade trataba eses animais e como os trata, permítenos facer un estudo histórico da comunidade galega.

Agora é un animal de ocio, deportivo, de concursos de beleza, de rutas naturais... Antes era un animal de traballo. Se ves como cambiou a funcionalidade dos equinos, así cambiou a sociedade.

comentarios