Catalunya

O Concello de Barcelona aplicará un 'cordón sanitario' á extrema dereita de Vox

"Precisamos un pacto para un concello comprometido coa democracia, os dereitos e a diversidade ante a ameaza que implica a entrada da extrema dereita nas institucións", defenderon desde Barcelona en Comú, responsábeis dunha proposición que recibiu o apoio de Junts, ERC e PSC e a oposición de PP e Vox.
Mitin do líder ultradereitista Santiago Abascal en Barcelona antes dos comicios municipais do pasado 28 de maio. (Foto: Kike Rincón / Europa Press)
photo_camera Mitin do líder ultradereitista Santiago Abascal en Barcelona antes dos comicios municipais do pasado 28 de maio. (Foto: Kike Rincón / Europa Press)

A Comisión de Presidencia, Seguridade e Réxime Interior de Barcelona convocada para esta cuarta feira acordou estabelecer no Concello un "cordón democrático en contra de formacións de extrema dereita", a raíz da entrada de Vox no consistorio após as últimas eleccións municipais. A proposición de Barcelona en Comú, aprobada co apoio de ERC, Junts e PSC e rexeitada por PP e Vox, empraza o resto de grupos a "chegar a un consenso que, máis aló de cores políticas, dea prioridade aos valores democráticos, como se fixo no Parlament", onde as mesmas formacións, xunto á CUP —sen presenza no plano municipal en Barcelona— xa fixeron o propio dous anos atrás.

O texto presentado pola concelleira Jess González insta os grupos a crear un grupo de traballo que redacte "un pacto para un concello comprometido coa democracia, os dereitos e a diversidade ante a ameaza que implica a entrada da extrema dereita nas institucións". Queren que este pacto chegue o pleno de outubro para ser debatido e así "mostrar o compromiso cunha cidade e un país plenamente democráticos", alén de apoiar o tecido asociativo e veciñal incluíndo nos espazos de seguimento deste pacto á sociedade civil.

Para a edil de Junts Victòria Alsina, "a irrupción da extrema dereita e o seu discurso no consistorio merece unha reflexión profunda", mentres que a tenente de alcalde socialista Maria Eugènia Gay defendeu o impulso deste pacto de cidade "para a defensa dos dereitos humanos".

Elisenda Alamany, de Esquerra Republicana, dixo estar "de acordo cos grupos de traballo", se ben este texto "non será suficiente, e a coherencia débese aguantar sempre, cando nos vai á contra e cando nos permite chegar á Alcaldía tamén", en referencia ao que fora líder de BCN pel Canvi no anterior mandato, o ex primer ministro francés Manuel Valls.

Só o PP apoia Vox

No lado oposto, o líder de Vox no Concello, Gonzalo de Oro Pulido, erixiuse en vítima: "Discurso de odio é esta porcallada de proposta que fixeron. É unha vergoña que unha institución democrática propoña facer un cordón antidemocrático, a nós e a calquera", censurou.

E tamén a cabeza visíbel do Partido Popular no consistorio, Daniel Sirera, considerou a proposición "profundamente ofensiva para os barceloneses que decidiron votar" a papeleta de Vox, e culpou os 'comuns' de "instalaren cordóns sanitarios" na cidade.

A veciñanza barcelonesa deu o pasado 28 de maio o apoio maioritario á candidatura do ex rexedor Xavier Trias, de Junts, que ficou primeiro con 11 escanos. Moi próximos a el, en segunda e terceira posición, con 10 e 9 asentos respectivamente, o socialista Jaume Collboni e a agora ex alcaldesa Ada Colau (BCN en Comú), que sumaron os seus votos aos catro concelleiros do PP para dar a Alcaldía ao PSC. Vox obtivo os dous edís restantes.

Comentarios