Rego reitera o 'non' a Feixoo mais advirte: "Non daremos un cheque en branco a Sánchez"

"Eu non sei se o españolismo se cura viaxando ou implica algún tipo de limitación que non permita coñecer casos que son tan próximos e que moitas veces se poñen de exemplo dentro de Europa, como o de Suíza, con catro linguas nacionais, o de Bélxica ou o do Parlamento Europeo", dixo, aludindo á negativa do PP a permitir o uso do galego no Congreso.
Rolda de prensa do nacionalista Néstor Rego no Congreso. (Foto: Carlos Luján / Europa Press)
photo_camera Rolda de prensa do nacionalista Néstor Rego, hoxe, no Congreso. (Foto: Carlos Luján / Europa Press)

O deputado e portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, reiterou esta quinta feira en rolda de prensa o seu rexeitamento á investidura do candidato do PP á Presidencia do Goberno español, Alberto Núñez Feixoo, e advertiu ao mesmo tempo ao xefe do Executivo en funcións e aspirante á reelección polo PSOE, Pedro Sánchez, que a súa formación non lle dará ningún "cheque en branco" para manter o poder.

Rego interveu ante os medios antes da primeira reunión da Xunta de Portavoces na presente lexislatura lexislatura, e subliñou que o Bloque xa tiña claro "desde o primeiro momento" que non apoiaría un Goberno de Feixoo porque, censurou, vai "da man da ultradereita de Vox". E tampouco, tal e como xa sinalou en anteriores ocasións, polo seu "legado" na Galiza após 13 anos á fronte da Xunta.

"Desde o punto de vista do BNG, a hipotética presidencia de Feixoo suporía un retroceso claro e un recorte de dereitos e liberdades, da man de Vox. E, polo tanto, a nosa posición foi sempre clara", sinalou o parlamentario, que aludiu tamén á oposición do PP, tanto na propia Cámara baixa como no Parlamento galego, a autorizar o uso da lingua galega no Congreso: "O de Feixoo é un caso de colonizado de libro neste momento, posicionándose claramente en contra do uso do galego".

E lembrou outros casos nos que nas asembleas parlamentarias se permite o uso de distintos idiomas: "Eu non sei se o españolismo se cura viaxando ou implica algún tipo de limitación que non permita coñecer casos que son tan próximos e que moitas veces se poñen de exemplo dentro de Europa, como o de Suíza, con catro linguas nacionais, o de Bélxica ou o do Parlamento Europeo".

É por iso polo que nin tan sequera ten previsto reunirse co Partido Popular no marco da rolda de contactos que este partido iniciou hai semanas para a investidura de Feixoo. Porque o BNG, recalcou, non está disposto a participar dunha "escenificación partidista que está abocada ao fracaso".

Iso a pesar de que desde as filas 'populares' insisten en que os nacionalistas deberían dar o 'si' a Feixoo por ser galego, unha petición á que esta cuarta feira respondeu con retranca, na sesión plenaria do Parlamento da Galiza, a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón: "Franco tamén era galego e non o imos apoiar".

Mais o 'non' dos nacionalistas galegos a Núñez Feixoo non pode traducirse, lembrou Néstor Rego, nun "cheque en branco" á hipotética candidatura de Sánchez para reeditar a coalición dos socialistas con Sumar. "O noso posíbel apoio a unha investidura alternativa a Feixoo será a cambio de que exista un compromiso claro coa Galiza que implique actuacións en infraestruturas ou un aumento do investimento territorializado", precisou.

Comentarios