Santiago de Compostela

O PP critica a visita de Pontón a Sanmartín e o BNG lembra que Conde Roa recibiu Raxoi estando na oposición

"Non entendo esa dobre vara de medir do PP", cuestiona Ana Pontón, mentres Paula Prado ironiza coa súa visita á alcaldesa de Santiago: "Representa algunha institución a señora lideresa do BNG?".
Mariano Raxoi (no centro) visitou en 2011, como líder da oposición no Congreso, o daquela alcalde de Santiago, o 'popular' Gerardo Conde Roa (esquerda). Na imaxe, á dereita, Alberto Núñez Feixoo. [Foto: Concello de Santiago]
photo_camera Mariano Raxoi (no centro) visitou en 2011, como líder da oposición no Congreso, o daquela alcalde de Santiago, o 'popular' Gerardo Conde Roa (esquerda). Na imaxe, á dereita, Alberto Núñez Feixoo. [Foto: Concello de Santiago]

A secretaria xeral do Partido Popular na Galiza, Paula Prado, ironizou esta cuarta feira sobre a "visita institucional" que a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, realizará ao Concello de Santiago, onde se reunirá coa alcaldesa, a nacionalista Goretti Sanmartín. Desde o Bloque avanzaron que Pontón abordará no encontro "algunhas das cuestións que máis preocupan na cidade, como a situación da vivenda, a taxa turística ou o desenvolvemento do estatuto de capitalidade".

Porén, o anuncio non gustou nas filas do PP, que criticou con dureza a xuntanza prevista para esta quinta feira. "Pero representa algunha institución a señora lideresa do BNG?", cuestionou hoxe Prado, en declaracións aos medios en Santiago.

Ante as preguntas dos xornalistas, a dirixente conservadora ironizou con que, se Pontón vai visitar unha institución, "irá como [representante] dunha institución". E engadiu que, se realiza a visita "como líder do BNG", ela, Prado, "quizais" ten que pedir tamén unha entrevista a Sanmartín "como secretaria xeral do PPdeG".

Á esquerda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón; á dereita, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado. (Fotos: Arxina)
Á esquerda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón; á dereita, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado. (Fotos: Arxina)

E a propia Pontón non tardou en reaccionar. Esta mesma mañá lembrou, ao fío das palabras de Paula Prado, que en xullo de 2011 o daquela líder da oposición no Congreso e do PP a nivel estatal, Mariano Raxoi, visitou o Concello de Santiago e foi recibido polo alcalde compostelán, o 'popular' Gerardo Conde Roa, só dous meses despois de acceder á Alcaldía. Tamén asistiu o presidente da Xunta naquela altura, Alberto Núñez Feixoo.

"Creo que todos lembramos cando o alcalde do PP Conde Roa recibiu nunha visita institucional a Raxoi, que estaba na oposición. Non entendo esa dobre vara de medir do PP", manifestou a portavoz nacional do BNG, a preguntas dos medios sobre as declaracións feitas por Prado, que nesa época era concelleira no consistorio.

Dito isto, Pontón alegou que "o importante" é "pór sobre a mesa os debates que permitan avanzar" á capital galega, e de aí a reunión "entre a líder da oposición na Galiza e a alcaldesa de Santiago".

Fronte ás críticas do PP —por seren Pontón e Sanmartín do BNG e compartiren dirección política—, a líder nacionalista afirmou que o que lle "molesta" aos 'populares' é que poidan "avanzar nos problemas que ten a cidade de Santiago". "Bate", dixo, co que "eles mesmos [o PP] fixeron no pasado".

Comentarios