martes 26.05.2020

Entón, no entanto, aínda que... A lección 9 do curso de lingua céntrase nos articuladores discursivos

Reproducimos a seguir un extracto da lección 9 do curso de galego, sobre interferencias sintácticas, que Nós Diario publica hoxe. 'Curso de lingua galega: Mellor uso, máis calidade para o idioma' diríxese a todos os públicos e publícase a diaro nas catro páxinas centrais do xornal impreso.
Entón, no entanto, aínda que... A lección 9 do curso de lingua céntrase nos articuladores discursivos

Introdución

Os conectores son elementos lingüísticos que ligan un enunciado a outro ou unha secuencia de enunciados a outra secuencia, estabelecendo unha relación semántica entre os membros da cadea discursiva, tanto na realización oral como na escrita. Morfoloxicamente, son unidades lingüísticas invariábeis que poden pertencer a categorías gramaticais diferentes –interxeccións, adverbios, preposicións, conxuncións...–, e contribúen de modo relevante para a coherencia textual orientando a persoa lectora ou receptora na interpretación dos enunciados.

Tamén os conectores e marcadores discursivos resultan afectados pola interferencia do español. Xa vimos na Lección 1 como entre os marcadores habituais castelanizados destaca *bueno (ou a forma vulgarizada *boeno), rechamante por ser evidente que se trata dun termo do español e, a pesar diso, omnipresente hoxe na fala. Prestaremos atención a evitar castelanismos nos articuladores discursivos, mais tamén a tentar identificar os non recomendábeis e, sobre todo, a abrir o abano para ampliarmos a capacidade expresiva.

Como na imaxe, da correcta inserción dos conectores depende a correcta percepción dos enunciados.

Deben ser evitados

Algunhas formas castelanizadas e excluídas da norma aínda teñen hoxe presenza entre nós. Evitémolas:

*nembargantes        no entanto, porén

*non embargantes   non obstante, no entanto

*sen embargo          porén, non obstante

*entonces                entón, logo, por tanto

*anque                     aínda que

*ou sea                    ou sexa

*cecais                     talvez, se callar

*mentras                  entre tanto, en canto

Vexamos algúns exemplos:

—*Entonces, estudastes ou non estudastes?

Entón, estudastes ou non estudastes?

—Eu aínda estou comezando a estudar inglés; ti, *nembargantes, xa o falas moi ben.

—Eu aínda estou comezando a estudar inglés; ti, no entanto, xa o falas moi ben.

—O exame era fácil. *Sen embargo, cometín moitos erros.

—O exame era fácil. Porén, cometín moitos erros.

—*Anque che custe crelo, o avó de Charlie Sheen era galego.

Aínda que che custe crelo, o avó de Charlie Sheen era galego.

Como conseguilo?

As persoas subscritoras, ben en papel ben na versión de acceso na nube, terán á súa disposición, nas páxinas centrais de Nós Diario, desde o 5 de maio, o curso de balde. As persoas que aínda non son subscritoras poden facerse ou ben adquirir o diario en papel nos quiosques e puntos de venda habituais por 1,50 euros de terzas a sextas feiras e por 3 euros os sábados (día en que se inclúe o semanario Sermos Galiza) ou ben mercalo para a súa lectura na nube.

comentarios