sábado 27/11/21

Unha ducia de concellos adhírense a Apego, un programa para fomentar a transmisión do galego

Doce municipios impulsarán medidas comúns, através dos seus Servizos de Normalización Lingüística, encamiñadas a implicar as familias na valoración positiva da lingua galega.

Sinatura de Apego
Sinatura de Apego

Esta segunda feira (23 de marzo) Compostela acolleu a sinatura do programa Apego. Unha iniciativa á que se adheriron 12 concellos do país e que visa fomentar e mellorar a transmisión interxeracional do galego. 

Neste senso, para alén da capital galega, integran Apego as localidades da Baña, Carballo, Carnota, Ferrol, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois e Vigo. Porén, Apego fica aberto á incorporación daqueles axentes políticos e sociais que queiran adherirse a esta rede de apoio. 

O programa desenvolverá accións coordenadas que terán no ámbito familiar, educativo, de conciliación e de lecer o seu público obxectivo. O obxectivo, sensibilizar sobre a importancia de transmitir a lingua propia do país para o que reforzarán os usos positivos á fin de que estes se incrementen. 

Baña, Carballo, Carnota, Compostela, Ferrol, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois e Vigo adheríronse ao programa Apego

Material e obradoiros

Así, algunhas das accións que porán en andamento son o deseño dunha imaxe común para o programa, a edición dunha campaña informativa que abranga a distribución de material naqueles puntos de atención habitual do embarazo e a adopción. Este material consistirá en 5 mil caixas que inclúen un libro informativo, un álbum de lembranzas, un medidor, un colante para o vehículo e un apego; e 5 mil CDs con música para crianzas. 

O programa tamén visa a creación dunha rede coas familias interesadas en recibir información e recursos de apoio para a crianza en galego; o lanzamento dun espazo web para informar do desenvolvemento do programa e permitir o acceso a materiais de apoio. Aliás, organizarán obradoiros formativos para os diferentes colectivos atinxidos polo programa. 

A iniciativa foi ideada por técnicas e técnicos dos Servizos de Normalización Lingüística que posteriormente propuxeron o programa aos concellos que contan con este servizo. Coa sinatura deste primeiro compromiso de colaboración, Apego comezará por volta do mes de maio cando todo o material estea pronto. 

Fe de grallas. Inicialmente atribuíuse por erro ao Concello de Compostela a iniciativa. Porén, o programa parte --como se corrixíu-- do Servizo de Normalización Lingüística. 

Unha ducia de concellos adhírense a Apego, un programa para fomentar a transmisión do...
comentarios