Galiza rexistrou en xullo a creación de 273 sociedades mercantís e a disolución doutras 77

Foron 104 empresas novas menos que no pasado mes de xuño, pero 49 máis que en xullo de 2022.
En febreiro asináronse 1.241 hipotecas. (Foto: Paegag)
photo_camera O capital subscrito por estas novas empresas ascendeu en xullo a 5,88 millóns de euros. (Foto: Nós Diario)

Galiza rexistrou en xullo de 2023 a constitución de 273 sociedades mercantís, por un capital total de 5,88 millóns de euros, mentres que foron 77 as sociedades que se disolveron no mesmo mes. Segundo os datos publicados esta segunda feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE), durante o sétimo mes do ano constituíronse no conxunto do país 273 empresas, das que só una delas foi unha Sociedade Anónima —cun capital de 60.000 euros—, mentres  o resto adoptaron a figura de Sociedades Limitadas.

As cifras de xullo supoñen un descenso notábel con respecto ás rexistradas en xuño de 2023, cando se constituíron na Galiza 377 sociedades mercantís, cun capital de 30,67 millóns de euros. A respecto de xullo do ano pasado, o número de sociedades foi superior —273 fronte ás 224 de xullo de 2022—, mais o capital subscrito foi inferior —5,8 millóns fronte aos 6,1 millóns de hai un ano—.

No que atinxe á disolución de sociedades mercantís, durante o mes de xullo de 2023 disolvéronse na Galiza un total de 77. Así, 32 sociedades disolvéronse na provincia da Coruña —27 de maneira voluntaria, unha por fusión e o resto por outros motivos—; 25 na de Pontevedra —18 disolucións voluntarias, 2 por fusión e o resto por outras causas—; 15 na de Ourense —14 voluntariamente e unha por outras causas—, e 5 na de Lugo —3 disolucións voluntarias e 2 por outros motivos—.

Datos de 2022

Aliás, segundo os mesmos datos do INE, ao longo do ano 2022 creáronse na Galiza até 3.805 sociedades mercantís, cun capital subscrito de algo máis de 182 millóns de euros. Na provincia da Coruña rexistráronse 1.575 sociedades, das que só dúas foron S.A., e o resto S.L., cun capital subscrito de 50,9 millóns de euros. Na de Lugo constituíronse 391 sociedades, das que 388 eran S.L., ningunha S.A., e o resto adoptaron outra forma xurídica, cun capital subscrito total de 13,6 millóns.

Na provincia de Ourense constituíronse o ano pasado 363 sociedades, unha delas S.A. e o resto S.L., e o capital subscrito foi de 31,86 millóns de euros. Finalmente, na de Pontevedra constituíronse 1.475 sociedades en 2022 —4 S.A. e o resto S.L.—, cun capital subscrito de 85,59 millóns de euros.

Datos estatais

O número de novas sociedades mercantís subiu no conxunto do Estado español por volta de 15,4% o pasado mes de xullo a respecto do mesmo mes de 2022, até sumar un total de 8.292 empresas, con base nos mesmos datos. Coa repunta de xullo, case un punto superior ao dato rexistrado en xuño, a creación de empresas encadea sete meses consecutivos de ascensos interanuais. No entanto, o total de sociedades constituídas marcou no sétimo mes do ano a menor cifra de todo 2023.

Para a constitución das 8.292 empresas creadas o pasado mes de xullo subscribíronse algo máis de 352,5 millóns de euros, o que supón 10,7% máis que en igual mes de 2022, mentres que o capital medio subscrito, que se situou en 42.521 euros, diminuíu un 4,1% interanual. Á vez que subiu a creación de sociedades, baixou a disolución de empresas en xullo, 4,8% respecto ao mesmo mes de 2022, até un total de 1.546. Deste modo, cada día do mes de xullo 50 empresas fecharon as súas portas a nivel estatal.

Comentarios