martes 26.05.2020

Dar azos á lingua desde o ámbito local

Con motivo do Día das Letras Galegas, Nós Diario conversa con cinco edís de diferentes Administracións locais que traballan no ámbito da normalización lingüística. Como Administración máis apegada ao día a día da cidadanía, poden comprobar o efecto das campañas que desenvolven ou dos eventos culturais ou obradoiros que promoven entre a veciñanza. Cuestionadas polo seu labor, todas coinciden en sinalar a importancia de centrar esforzos nas máis novas.   
Unha das actividades do programa Apego, dirixido a crianzas de 0 a 6 anos, na que participaron Faia Díaz e Guillerme Fernández (Imaxe: Concello de Santiago de Compostela).
Unha das actividades do programa Apego, dirixido a crianzas de 0 a 6 anos, na que participaron Faia Díaz e Guillerme Fernández (Imaxe: Concello de Santiago de Compostela).

Preguntas
1  | Con que obxectivos traballan e en que ámbitos enfocan ese labor?
2 | Que dificultades atopan?
3 | Que sería necesario para lograr un uso normalizado do galego no país?

 

Alberto Oubiña, concelleiro de Pontevedra: "A nivel de país cómpre unha política que non sexa lingüicida"

Alberto Oubiña, concelleiro de Xuventude, Normalización Lingüística e Coordinación do rural de Pontevedra (Imaxe: Concello de Pontevedra)

1—Tratamos de focalizar o noso traballo no ámbito da xuventude, no ámbito da xuventude, abarcando desde os máis pequenos e pequenas até o alumnado universitario. Ofrecemos colaboración nos centros de ensino con obradoiros  nos que se procura traballar un aspecto que nas aulas, polo deseño do sistema educativo, ten pouca presenza e que é o da oralidade. Nese ámbito participamos con programas concretos, como [email protected] ou Enreguéifate e desenvolvemos un Club de Debate para reforzar o uso formal do galego. Tamén desenvolvemos roteiros pola cidade nos que a contamos desde o punto de vista de escritores ou escritoras, coma os dedicados a María Victoria Moreno, Castelao ou Xoán Manuel Pintos. No eido da música, puxemos en marcha o festival Galegote Rock.

2—A día de hoxe existe unha presión social que empurra á rapazada cara ao castelán. Semella que o galego está pragado de pedras no camiño, que non vas poder desenvolver a túa vida con normalidade se falas en galego. Queremos amosar a nomalidade de vivir na nosa lingua e amosar que facelo abre portas dentro do propio país e tamén fóra del. E que existe un mundo cheo de posibilidades nos campos da ciencia, da música ou da literatura no noso idioma. De tanta ou de incluso máis calidade que noutras linguas.

3—Se ben nós traballamos a nivel local, estamos integradas na Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega. Temos a sorte de ter sido un dos concellos que participou da súa fundación e cremos na necesidade de traballar desde o local para o xeral, para que a frecuencia de galegofalantes se incremente no país. É, ademais, un punto no que poder atoparse. Non é a mesma situación a dun concello da Costa da Morte que a dun do centro de Ourense ou doutra zona do país. As diferenzas entre a poboación e uso da lingua están aí. A nivel de país penso que compre unha política lingüística a favor da lingua, que non sexa unha política lingüicida. Nestes días vimos ao presidente da Xunta dirixirse aos galegos falando en castelán sobre a COVID-19. O galego é un tesouro, pero non ten que quedar nunha caixa forte. Hai que telo presente todos os días.

Sonia Outón, concelleira de Vilagarcía de Arousa: "A normalización do galego require o compromiso de todas"

Sonia Outón, concelleira de Cultura, Normalización Lingüistica e Persoal de Vilagarcía (Imaxe: Concello de Vilagarcía).

1—En Vilagarcía temos a sorte de contar cun dos servizos de normalización lingüísticos máis antigos da Galiza, de principios dos 90. O noso compromiso vén de longo e mantívose no tempo. Ademais, é transversal a todo o Concello. A lingua na Administración local xa está asentada, polo que agora incidimos sobre todo na mocidade. Xa como actividades que facemos nos útlimos anos, máis recentes, fomos un dos membros fundadores da Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega que se consolidou en febreiro de 2019.E stamos adheridos ao programa Apego desde 2017 incidindo moito nos máis novos, é a poboación máis obxectivo, que nenos e mozos manteñan a lingua

2—A xente responde ben cando a programación é coidada e de calidade. Por exemplo, arredor do Día das Letras Galegas adoitamos ofrecer actividades espalladas que agora teremos que reformular e reconducir a través das redes sociais. 

3—A normalización da lingua galega require o compromiso de todas e todos nós. Hai que facer o galego atractivo para a xente moza, sobre todo nas cidades. Canto máis urbana é a poboación menos se fala galego. É certo que as xeracións maiores non teñen ese problema. Temos que incidir na mocidade desde todas as Administracións. Nós colaboramos co comercio local desde os institutos. Uns anos facemos manteis para a hostalaría con obras dos alumnos, outros panos. É a maneira de estar na rúa,  facendo tecido co comercio ou reivindicando figuras da nosa cultura. Procurar a comuñón de todos os sectores neste labor e non só dos servizos de normalización. 

Esther Garrido, concelleira de Oleiros: "Necesitamos máis recursos na nosa lingua aos que acceder"

Esther Garrido, concelleira de Cultura e Normalización Lingüística de Oleiros (Imaxe: Concello de Oleiros)

Non nos limitamos a facer actividades nun día senlleiro, senón que procuramos achegar o idioma á nosa xente durante todo o ano. Tanto ao sector dos máis novos, que é o máis difícil, pero non por iso deixamos de facelo. Tamén traballamos moitísimo con actividades en centros de ensino, iso desde o ámbito da cultura, das bibliotecas, ou mesmo da propia política lingüística. Cando comeza o curso temos unha reunión cos centros de ensino, aos que entregamos un libro de actividades educativas das bibliotecas, pero tamén deportivas ou do ámbito da cultura. É un abano moi amplo e ás veces temos problemas para seleccionalas, porque o profesorado ten que seguir a dinámica do curso. Para a mocidade centrámonos nas actividades educativas e, no verán, ofrecemos obradoiros de teatro en galego. Depende do que procuremos desenvolver cada ano. Pero si, na mocidade tentamos incidir moito.

2—En xeral, chegar á xente máis nova, aínda que a medida que se foron proxectando as actividades isto mudou. Antes había quen cuestionaba por que toda a programación está en lingua galega e agora xa non nos preguntan iso. O falalo é o problema, mais penso que será igual en todos os concellos. Cando falo con compañeiros é o que me transmiten, agás en áreas rurais.

3—Cómpren máis actividades, máis recursos aos que poidamos acceder. Tamén dar a posibilidade de que quen teña pendente os cursos Celga que se faciliten desde os Concellos. A nosa técnica imparte ela durante un mes ou mes e medio cursos de preparación cando se convocan os exames.

Maite Ferreiro, concelleira de Lugo: "Precisamos un Goberno e un presidente que crean no galego"

Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, Turismo e promoción da Lingua de Lugo (Imaxe: Concello de Lugo)

1—Toda a actividade que se fai nesta área vai encamiñada a dar a coñecer e animar para normalizar o uso do galego e que non se perdan máis falantes. Tentamos facer actividades sobre todo para as crianzas. Por exemplo, estamos adheridos ao programa Apego. Outro exemplo, no San Froilán temos un programa en galego dedicado ás nenas e nenos. 

2—En Lugo seguimos tendo unha franxa importante de poboación galegofalante. Porén, a nosa problemática penso que é semellante á do resto do país: as crianzas e adolescentes. Tamén existe un problema a nivel de Administración. En 2012 o Concello de Lugo aprobou unha ordenanza lingüística que era moi avanzada para o seu tempo, sen ser extraordinaria nin confrontar ningún dereito individual. A ordenanza foi denunciada por Galicia Bilingüe e a xustiza deulle parcialmente a razón. A denuncia fixo moito dano, obrigándonos a recortar artigos máis necesarios que nunca. A sentenza considera unha situación que non é real, que é a falta de uso do español nas Administracións públicas. Valoraron que a cidadanía non tiña dereito a usar a súa lingua cando a situación é a contraria: é a cidadanía galegofalante a que ten que pedir ser atendida na súa fala. A maiores, eu tamén atopo un retroceso no uso do galego na política local nos últimos tempos. Na realización de plenos, por exemplo, ao presentar mocións é máis común agora o uso do castelán. 

3—Precisamos un Goberno galego e un presidente da Xunta que crea na nosa lingua, que crea na nosa fala. O actual presidente amosa que se avergoña de falar galego, que non a sente como unha lingua útil. Nesta situación de alarma sanitaria, nas súas comparecencias na televisión pública galega, demostra o seu desprezo cara á lingua galega mudando por outra que considera importante e superior, o castelán. Sería importantísimo cambiar esa situación na Xunta da Galiza e ter un Goberno galego que promova o uso da nosa lingua. Tamén un Goberno que, a maiores, non axude a difundir ese conflito social inventado polo cal o castelán está sendo discriminado ou desprazado cando a situación real é  a contraria. E tamén é necesaria unha política lingüística axeitada ao país. O actual Goberno galego non pode facer iso porque non o cre útil nin tampouco necesario. 

Noa Díaz, concelleira de Santiago de Compostela: "Cómpre combater o trilingüismo que promove a Xunta da Galiza"

Noa Díaz, concelleira de Educación, Xuventude, Igualdade e Políticas Lingüísticas de Santiago de Compostela (Imaxe: Concello de Santiago de Compostela)

1—No eido empresarial temos varios programas que fomentan o uso do galego e o prestixian, así como o premio Manuel Beiras co que recoñecemos a traxectoria de empresas que empregan a nosa lingua. Tamén desenvolvemos o certame Fotolingua ou achegamos programas de axuda para mellorar a comunicación en galego. Participamos doutros programas do ámbito local especificamente dirixidos á rapazada, como son [email protected] ou Enreguéifate, e aos nenos e nenas máis pequenos, caso de Apego. 

2—En xeral non atopamos dificultades, o certo é que en Santiago de Compostela a situación do galego non é tan mala. De feito, xunto con Lugo, conta coas porcentaxes máis altas de falantes en espazos urbanos. Con todo, e como ben sabemos, aínda que o galego é a lingua propia do país, non todo o mundo o entende así. 

3—As Administracións locais realizamos un traballo complementario, xa que a competencia en Política Lingüística é da Xunta da Galiza. E está claro que o que se está a facer desde o Goberno galego non é suficiente a todas as luces porque as estatísticas son as que son, os índices de uso do galego non melloran. Onde incidiría eu? Na educación, hai que combater ese trilingüisimo que agora se promulga desde a Xunta da Galiza. Porque se ben é importante aprender e falar inglés, e penso que isto ninguén o pon en dúbida, é bastante mellor e máis lóxico que a rapazada coñeza, por exemplo, as partes do corpo humano na súa propia lingua antes que en inglés. E a día de hoxe, en función da materia, podemos atopar nenas e nenos que saben dicir perfectamente xeonllo en inglés, pero que non recoñecen esa palabra no seu idioma. Daquela, penso que o esforzo hai que dirixilo á educación. Tamén ao prestixio do idioma, por suposto,  mais considero que se fomentamos o uso do galego desde as escolas evidentemente imos ter un índice maior de éxito no noso uso cando nos comportemos como persoas adultas. Nese camiño, creo que é fundamental revisar e volver estudar o decreto lingüístico que aprobou no seu momento o Goberno bipartito. Nel falábase, penso que dunha maneira xusta, do incremento das materias que tiñan que ser impartidas en lingua galega para normalizar o seu uso. 

comentarios