Cultura

O Día das Letras Galegas máis virtual

O 17 de maio de 2020 vai ser o Día da Letras Galegas máis virtual. Nós Diario ofrece unha recompilación de actos e celebracións que, en homenaxe a Ricardo Carvalho Calero, veremos na rede esta fin de semana.  

María Vázquez e Títo Asorey no proxecto para festexar as Letras Galegas do Consello da Cultura Galega. Atrás, a fotógrafa que traballa con elas.
photo_camera María Vázquez e Títo Asorey no proxecto para festexar as Letras Galegas do Consello da Cultura Galega. Atrás, a fotógrafa que traballa con elas.

Este Día das Letras Galegas preséntase, cando menos, estraño. Semella que a efeméride virá marcada pola virtualidade. Malia os adiamentos e cancelacións dos principais actos conmemorativos, non son poucas as entidades ou asociacións que deixaron voar a súa creatividade e fixeron un convite aberto á cidadanía a se unir ás súas celebracións nas redes.

Deste modo, unha das iniciativas máis salientábeis, de maneira transversal, é o chamamento a entrar no trending topic co cancelo #EuFaloGalego. Así, o Galitwitter está convocado ás 12 horas do domingo a publicar con el para visibilizar a lingua.

Á parte disto, coa cabeza posta na propia figura de Ricardo Carvalho Calero, para alén da web monográfica que vén de dipoñibilizar a Associaçom Galega da Língua (AGAL), a Real Academia Galega (RAG) tamén traslada parte da homenaxe ás redes, divulgando vida e obra do autor. A institución tivo que adiar o pleno extraordinario do Día das Letras, que terá finalmente lugar en Ferrol o 31 de outubro, data que cadra co 110 aniversario do homenaxeado. Para a rapazada, a institución ten propostas lúdicas e didácticas na web primaveradasletras.gal, un espazo para a comunidade de infantil e primaria que desde comezos de maio incrementou o número de usuarias por riba do 185%.

Os contidos van desde materiais para colorear até propostas interactivas centradas na paixón do autor polo teatro e a ópera, a súa poesía ou espazos vitais como Ferrol e Lugo. A RAG está, ademais, a debuxar cada día un retrato colectivo do autor a través da serie de microespazos audiovisuais "Unha palabra para don Ricardo". Personalidades como Araceli Herrero, María Pilar García Negro ou José Luís Rodríguez elixen unha palabra que destaca a calidade que, ao seu xuízo, mellor define o homenaxeado. O propio presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, fará unha achega especial o 17 de maio.

O Consello da Cultura Galega tamén está a preparar a súa particular homenaxe, para alén de todo o contido que recolle a súa web, desde galerías fotográficas, entrevistas ou cortes de audio do propio autor. De momento, prefiren manter o segredo e gardar a sorpresa até o último momento, mais adiantan que a celebración vai implicar faces abondo coñecidas do noso audiovisual, como son Tito Asorey, María Vázquez e Melania Cruz, xunto ás zocas de Elena Ferro... E, por suposto, Carvalho Calero! Que andarán a argallar?

Teatro a distancia

Tras o éxito do seu primeiro espectáculo por streaming, Culturactiva prepara para o 17 de maio unha programación especial desde as canles de YouTube dos concellos de Soutomaior, Vilalba e Vilariño de Conso. Así, ofrecerán os espectáculos As nosas Letras, do Mago Teto, e Puño, puñete, de Baobab, desde as salas baleiras dos teatros para un público que fica na casa. Pensada para toda a familia, pretenden manter con esta iniciativa "vivas a cultura e a lingua nestes tempos de confinamento". Mestura de maxia e literatura, o primeiro evento presenta o descubrimento da espada enmeigada de Merlín e Familia, adiviñación semántica con obras de Risco ou Rosalía e até o espírito de Castelao aparecerá en escena! Puño, puñete  é, pola súa banda, un espectáculo de música en directo e contos de tradición oral.

Precisamente, en San Sadurniño a pandemia truncou a estrea dunha obra teatral xestada en Santa Mariña do Monte por un grupo de veciñas sobre o texto teatral de Calero A farsa das zocas. Resulta que a peza parte dun episodio recollido no concello por unha das alumnas do mestre ferrolán. Ante a imposibilidade da representación, e mentres agardamos por máis datos, chega un trailer promocional producido polo youtubeiro Fran Bermúdez, que se publicará o 17 de maio.

Por outra banda, desde a área municipal de Normalización Lingüística convidan a participar na campaña impulsada pola plataforma Queremos Galego, que chama pola sociedade para "desconfinar" a lingua. Igualmente, desde San Sadurniño salientan a coincidencia das Letras Galegas co Día Internacional de Internet e das Telecomunicacións, cunha programación especial do blog "Fálame de San Sadurniño", que fai ademais sete anos de andaina o domingo. O día 17 verá tamén o nacemento dunha emisora en liña "comunitaria e participativa": Radio Outeiro.

Tamén as bibliotecas

O Servizo Municipal de Bibliotecas do Concello da Coruña presentou de cara ás Letras o convite á cidadanía a tirar unha foto coa boca cuberta coas "máscaras diversas da creación en galego”: libros, discos, filmes... A idea é logo subilas baixo o cancelo #DesconfinarALingua. Para alén do máis, están a ofrecer durante a semana unha serie de actividades que combinan a homenaxe a Carvalho Calero e a potenciación do idioma como lingua de creación, coa participación de escritoras como María Reimóndez e Fina Casalderrey, mais outros creadores emerxentes como Xan Lois, Miguel Ángel Alonso Diz e Antón Rodríguez.

Asociacionismo en pé

As poetas da Nova Poesía Guitirica tamén queren sumarse ás homenaxes cun recital en directo o 17 de Maio no seu Facebook, que dará comezo ás 20 horas. Coa intención de honrar Carvalho Calero, este evento principia coa lectura do prólogo que o ferrolán fixo para Nimbos, de Díaz Castro, festexando a amizade co poeta dos Vilares. Ademais, cada participante recitará algún poema do propio Carvalho ou que o reivindique. Atoparemos neste acto Antón de Guizán, Pilar Maseda, Amalia Díaz, Luz Darriba ou Luz Airado, entre outras.

Unha das iniciativas menos convencionais propona A Gentalha do Pichel a través dun evento do Facebook: a premisa é ben sinxela, buscar unha copla popular (ou creala, para quen teña o miolo a pleno rendemento) que conteña a palabra "carvalho" -con especial atención a filtrar aquelas de contido ofensivo (machistas, racistas, homofóbicas etc). "Escreve-a no soporte que tu queiras, mas sempre en galego-português", piden, aproveitando a oportunidade para visibilizar a opción reintegracionista da que Calero é símbolo indiscutíbel. A foto coa cantiga máis votada, partillada no evento co cancelo #SomosRaizDeCarvalho, levará de premio un exemplar da banda deseñada Carvalho: Coraçom de terra. A campaña de micromecenado deste libro fechou xa con éxito, con máis do triplo do obxectivo inicial.

Procurando tamén a implicación das galegas, a Asociación Cultural Vagalumes, da Estrada, considera "máis necesario ca nunca" conmemorar as nosas manifestacións literarias nun contexto de políticas "de exclusión da nosa lingua e de desprezo pola nosa cultura". Por iso, convocan unha lectura da obra de Carvalho compartindo un vídeo con elas a través do correo, que logo difundirán nas súas redes. O prazo para participar é até o propio 17 de maio.

Comentarios