domingo 29.03.2020

Consello de Europa insta “encarecidamente” á Xunta a protexer e impulsar o galego no ensino

O comité de expertos do Consello de Europa considera que o 'decreto de plurilingüismo' do goberno de Feijóo entra en contradición cos acordos contemplados na Carta Europea das Linguas.

Consello de Europa insta “encarecidamente” á Xunta a protexer e impulsar o galego no ensino

O Consello de Europa insta “encarecidamente” á Xunta a que impulse o galego no ensino. É o que pide o Comité de Expertos do Consello de Europa para a Carta Europea das Linguas (tratado internacional ratificado polo Estado Español ), que vén de facer publico o seu 4º informe sobre o cumprimento da Carta da Carta no Estado Español. Este documento, lembra a Mesa pola Normalización Lingüística, foi avaliado polo Consello de Ministros do Consello de Europa que á súa vez instou ás autoridades españolas e galegas a cumpriren os acordos que sinala a Carta.

Para A Mesa, o Consello de Europa reafírmase nas conclusións que xa emitira no anterior periodo, publicado en 2012, “considerando que os acordos sobre o tratado internacional non está cumpridos nin na educación infantil, nin na primaria, nin na secundaria, en relación ás limitacións impostas polo Decreto 79/2010 ao uso do galego no ensino”.

Sinalan nesta liña que o obxectivo de reducir a presenza do galego a un terzo “entra claramente en contradición cos compromisos escollidos polas autoridades de acordo coa Carta que esixe a educación predominantemente en galego”. Así, inciden en que a educación trilingüe (unha das 'obsesións' de Feijóo) non debe "acetar negativamente a protección e promoción" do galego.

Xustiza

No documento hai outras recomendacións e propostas. Así, por exemplo, o Comité de expertos e o Consello de Ministros instan os gobernos estatal e autonómico a modificaren a lexislación para dar efectivo cumprimento ao uso do galego na xustiza e na administración.

Para A  Mesa, a Xunta de Galiza non pode continuar “facendo ouvidos xordos” ao que lle está a dicir “non só a sociedade galega, senón tamén organismos da relevancia do Consello de Europa”. Marcos Maceira, presidente da MNL; afirma que este informe “demostra máis unha o nivel de agresividade contra o galego que se acadou na etapa actual da Xunta”. “A política lingüística da Xunta é un ataque continuado ao galego, nomeadamente no ensino, aínda que non só”., sinalou, e instou Feijóo a “mudar radicalmente o rumo”.

Para a Mesa “a Carta Europea é un "deses acordos incumpridos que compre activar xa para garantir o galego no ensino, na administración, na xustiza, nos medios de comunicación ou nas relacións de consumo”.

comentarios