O paro baixou en abril na Galiza a un ritmo máis lento que no Estado

A taxa de desemprego descendeu en 2,06% fronte ao 2,22% de media estatal.

O cambio legal nas prestacións de desempregou entrou en vigor este ano (Foto: Riobó Prada)
photo_camera Oficina de emprego en Compostela (Foto: Riobó Prada)

O paro rexistrado descendeu na Galiza no mes de abril en 2.677 persoas, segundo os datos que esta segunda feira publica o Ministerio de Traballo. Un descenso de 2,06% a respecto do mes anterior, o que supón un rimo máis lento na baixada da taxa de desemprego que a rexistrada de media no Estado, que é de 2,22%.

Hai rexistradas na Galiza 126.334 persoas no paro, das cales a maioría son mulleres (73.339) fronte a 52.995 homes.

Por sectores, no de servizos foi onde a baixada do paro rexistrado foi máis importante, con 1.814 persoas persoas desempregadas menos en abril: A seguir figuran os sectores da industria e construción (-281 desempregadas menos en cada unha) e agricultura, con 143 paradas menos.

O número de parados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego no Estado baixou en 60.503 persoas en abril en relación ao mes anterior, o que supón un descenso do 2,2% en termos porcentuais. Tras o retroceso de abril, impulsado sobre todo polo sector servizos, o número total de desempregadas no conxunto do Estado situouse en 2.666.500 persoas, a súa cifra máis baixa desde setembro de 2008, subliñou o Ministerio.

Entre outros datos, os beneficiarios por prestacións de desemprego na Galiza alcanzaron as 84.242 persoas, das cales 38.720 percibían unha prestación contributiva. De media, estes últimos cobraban 942,7 euros ao mes, por baixo dos 981 euros de media estatal.

A Seguridade Social gañou na Galiza unha media de 6.740 cotizantes en abril, o que supón 0,63% máis que en marzo, segundo datos do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións. Así, o número de ocupados na galiza superou os 1,06 millóns de persoas, 18.020 afiliados máis que hai un ano, subindo1,72%.

Todas as provincias galegas contabilizaron subas en canto a ocupados, coa Coruña subindo 0,71% no último mes e 2,38% no último ano, até 465.745 cotizantes. En Lugo, o número de afiliados quedou en 124.750, 0,81% máis que en marzo e 0,69% máis que en abril de 2023.

En Ourense, o crecemento foi de 0,49% no último mes e de 1,1% no último ano, até 105.327 afiliados. En Pontevedra, o número de ocupados creceu un 0,53% entre marzo e abril e un 1,42% nun ano, ata 372.513 persoas.

Por réximes, o xeneral supón na Galiza 844.345 ocupados, mentres que hai 205.164 autónomos galegos e 18.825 traballadores do mar.

Comentarios