Centos de rapaces prenden en Compostela a paixón polo galego no Correlingua

A choiva non minguou o ánimo dos e das escolares que tomaron a zona vella da capital galega para proclamar ‘ Galego, a nosa creación común’. Até o día 15, esta carreira percorrerá 11 localidades.

SdC Correlingua

Centos de alumnos de diferentes colexios da comarca de Compostela prenderon esta segunda feira en Compostela a mecha do ‘Correlingua’, a carreira popular a prol do galego. Até o vindeiro 15 de maio, esta iniciativa ( organizada pola CIG-Ensino, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e a Mesa pola Normalización Lingüística) percorrerá outras 11 localidades do país.

A festa final desta primeira etapa desenvolveuse na zona vella da cidade, sendo o centro das actividades a Praza da Quintana. Neste ocasión, o alumnado puido gozar da actuación do grupo Monoulious DOP, así como facer parte da actividade participando no concurso de animación da carreira.

Cada unha das doce carreiras remata nunha festa final en que se dará lectura ao manifesto gañador e na que actuará un dos grupos gañadores do Cantalingua, outro dos certames do Correlingua, e no que os grupos seleccionados foron elixidos polo alumnado e o profesorado de diversos centros. Entre @s elexid@s, Bocinazo, Monoulious Dop ou Sacha na horta. Nesta edición conducirá o acto da festa final o músico e escritor Xurxo Souto, autor do himno do Correlingua.

Elemento común

Esta iniciativa enmárcase na liña de actividades normalizadoras que queren promover a reflexión sobre a situación do noso idioma e incidir na sensibilización no seu uso, como mecanismo imprescindíbel para o seu futuro, algo especialmente necesario no actual contexto en que os datos estatísticos inciden na perda de falantes do noso idioma. Na presentación desta edición xa se explicara que se tendeu que o Correlingua é un dos proxectos cos que se consegue aglutinar a un número moi alto de mocidade arredor dun elemento común como é o galego. O propio alumnado reflexionou sobre a actual situación do idioma facendo un chamamento a actuar na procura de inverter a situación actual de perda de falantes”.

Calendario:

Ribadeo: 5 de maio

Monforte de Lemos: 6 de maio

Lugo: 6 de maio

Ferrol-Narón: 7 de maio

Vigo: 8 de maio

A Estrada: 8 de maio

Tomiño: 11 de maio

Bueu: 12 de maio

Ourense: 13 de maio

A Coruña: 14 de maio

Pontevedra: 15 de maio

Comentarios