Nace o colectivo Brincarmos para impulsar o primeiro Día da Crianza Galegofalante

O evento celebrarase en Ferrol o vindeiro sábado, 7 de outubro, cun amplo programa de actividades para a rapazada e adolescentes.
#crianzas #mocidade #nenos #rapaces (Foto: Nós Diario)
photo_camera "Para que o galego poida florecer, é preciso transformalo en lingua fraterna, de socialización, de xogo e aprendizaxe entre os pares", salientan os impulsores. (Foto: Nós Diario)

A vindeira cuarta feira, 4 de outubro, a partir das 19 horas Rosalia Cortiças e Marcos Abalde presentarán no centro social Artábria de Ferrol o colectivo Brincarmos, que nace coa vontade de impulsar unha nova —e reivindicativa— efeméride no calendario das galegas e galegos: o Día da Crianza Galegofalante. Esta nova festa estrearase o sábado día 7, cun programa cheo de actividades, no centro cívico de Canido, desde o mediodía.

O obxectivo principal, aseguran desde a organización, é "visibilizar que en Ferrol continúa a haber crianzas galegofalantes", así como "reivindicar o dereito a medrar en galego". Brincarmos nace por iniciativa dun grupo de familias da comarca cuxos fillos e fillas teñen a da Galiza como lingua materna e que precisan de "referentes da súa idade para reforzar o galego e manter a súa identidade lingüística". E este colectivo promoverá un "espazo seguro para elas e para a lingua".

Brincarmos fai parte da A.C. Artábria e organiza actividades pensadas para crianzas e adolescentes. E defende que o dereito á lingua propia "só pode realizarse de forma colectiva", a fin de lograr unha "oficialización real" do idioma e, por tanto, "poder estendelo a todos os ámbitos da vida".

"Nun contexto de minorización como o actual, non chega con ser a lingua materna das crianzas. Para que o galego poida florecer, é preciso transformalo en lingua fraterna, de socialización, de xogo e aprendizaxe entre os pares", salientan desde esta nova organizació, que pretende reivindicar este Día da Crianza Galegofalante "en memoria do acto en que se empregou por primeira vez a lingua galega na oratoria no actual concello de Ferrol".

Foi, lembran, o domingo 4 de outubro de 1908: "O ferrolán Rodrigo Sanz e o sadense Lugrís Freire, dirixentes de Solidariedade Galega, ao mesmo tempo que espallaban o sindicalismo agrario, defendían a dignidade do idioma da Galiza. Aquel día realizaron un comicio ante máis de mil camponeses e camponesas nun souto á beira do río da Sardiña en Serantes, promovendo a unión das clases populares". Este acto deu lugar á fundación da Sociedade Agraria 'Liberdade e Progresso', "que hoxe ten a súa continuidade na Cooperativa O Val".

O Día da Crianza Galegofalante celebrarase o vindeiro sábado cunha xornada de convivio orientada á infancia. Ás 12h haberá un obradoiro de danza en familia a cargo de Repichoca Ferrol. Às 13h, foliada e petiscos, para dar paso unha hora despois ao xantar popular a base de arroz con carne ou arroz vegano, pan e bebida.

Programa do Día da Crianza Galegofalante.
Programa do Día da Crianza Galegofalante.

Xa en horario de tarde, contra as 16h, dará o pregón a escritora Ánxela Loureiro, autora de títulos emblemáticos da literatura infanto-xuvenil como Laia, a nena da illa, Camiño perigoso ou Ota quere voar. Às 17h, presentación do libro Saínza, a punkiereteira, con Cristian F. Caruncho. Às 18.30h, espetáculo clown e escapismo con Pajarito.

Comentarios