domingo 19.01.2020

Batman, o cabaleiro escuro que tamén se revolta polo dereito a falar galego

A Mesa solicita á Warner Bross e á TVG que o DVD da serie inclúa a versión en galego, idioma no que a serie triunfou no país hai uns anos.

Batman, o cabaleiro escuro que tamén se revolta polo dereito a falar galego

Batman é unha figura universal. Heroe? Anti-heroe? Cabeleiro escuro? Mito? En todo caso, unha personaxe que xera admiración planetaria e que pode, de non se remediar, falar mil e un idiomas, mais non o galego. Para evitar esa vergoña. Desde a Mesa pola Normalización Lingüística puxéronse en contacto con Warner Bross e a TVG para que entre ambas as dúas fagan posíbel que o DVD da serie Batman, que chegará ao mercado ao longo de 2014, inclúa tamén a pista de dobraxe en galego.

A Mesa realiza estas xestións após o chamamento público feito polo blogueiro Marcus e tamén de varias peticións nese sentido que lles fixeron chegar fans da serie, que tivo éxito no noso país a través da TVG, polo que a dobraxe galega é a que lles resulta máis “atractiva e familiar”.

En euskara si, en catalán si, en galego non

A Mesa quere así evitar que “haxa outro novo audiovisual que se poña no mercado en DVD só coas pistas de inglés, español, catalán ou vasco, a pesar de que a TVG teña tamén no seu arquivo esa dobraxe ao noso idioma”.

Desde a organización presidida por Carlos Callón lembran que “non sería a primeira vez que unha distribuidora non incluiría unha pista en galego na comercialización dun DVD a pesar de estar a dobraxe feita e dispoñíbel”.

Iso foi debido nalgúns casos a que a TVG, aponta a MNL, non realizou as xestións oportunas (como si o fixeron, por exemplo, as súas homólogas vasca ou catalá) ou –mesmo– debido nalgunhas ocasións do pasado á negativa da nosa televisión pública a ceder tales versións, algo que desde A Mesa “desexamos que non se volva a producir nunca máis, pois prexudica tanto os dereitos lingüísticos da poboación como o creto social da propia TVG”.

comentarios