A alcaldesa da Coruña felicita o Nadal con estes versos en castelán de Xoel López

"Coa ordenanza de uso do galego parecía que 2023 ía ser bo ano para o galego na Coruña. Lamentamos que a alcadesa continúe a preferir o castelán", sinalan desde a Mesa.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rei. (Foto: Andy Pérez)
photo_camera A alcaldesa da Coruña, Inés Rei. (Foto: Andy Pérez)

A felicitación do Nadal que a alcaldesa da Coruña, Inés Rei, está a enviar estes días foi obxecto de polémica nas redes sociais após afear a Mesa pola Normalización Lingüística o feito de que os versos escollidos sexan en lingua castelá, unha composición de Xoel López.

"Yo soñaba cada día poder alcanzar la playa / y ahora está tan cerca, casi ya la puedo oler / Y espero cada vez más próximo al final / Ya puedo sentir tierra seca tras la arena mojada", di este fragmento da canción Terra, do artista coruñés.

Felicitación de Nadal de Inés Rei. (Foto: A Mesa)
Felicitación de Nadal de Inés Rei. (Foto: A Mesa)

Estes versos, porén, si veñen acompañados dunha felicitación en galego: "Bo Nadal e feliz ano 2023". Mais tamén está presente o controvertido e oficial logo bilingüe que di "Ayuntamiento de A Coruña / Concello da Coruña".

"Coa ordenanza de uso do galego parecía que 2023 ía ser bo ano para o galego na Coruña, a cidade con máis galegofalantes e residencia de escritores e escritoras en galego con moi bos versos para as festas. Lamentamos que a alcadesa continúe a preferir o castelán", sinalou A Mesa.

A voltas coa ordenanza

Esa ordenanza á que a entidade na defensa da lingua fai alusión é a que se adoptou en febreiro do pasado ano grazas aos votos favorábeis de PSOE, BNG e Marea Atlántica e coa abstención do PP, se ben tampouco houbo votos en contra.

E esa mesma norma, que sumou A Coruña ás outras seis cidades do país en materia lingüística, foi recorrida perante o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza por parte da asociación españolista 'Hablamos español', que consideraba que "atenta contra a plena oficialidade do español".

Porén, o alto tribunal galego rexeitou o devandito recurso en novembro pasado e amparou deste modo a ordenanza, precisando que o texto "recoñece expresamente o castelán como lingua oficial do Concello".

Comentarios