O TSXG ampara a ordenanza lingüística da Coruña e rexeita o recurso de 'Hablamos Español'

Os maxistrados inciden en que na ordenanza hai "unha invocación de primeira orde, constitucional e estatutaria, do carácter cooficial do castelán".
Sede do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Sede do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza. (Foto: Nós Diario)

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) vén de declarar que a ordenanza municipal de uso da lingua galega do Concello da Coruña é conforme a dereito e, por tanto, rexeitou o recurso interposto contra a mesma pola entidade Hablamos Español.

Segundo informa o alto tribunal galego, a sección terceira da sala do contencioso-administrativo destaca na sentenza que o texto "recoñece expresamente o castelán como lingua oficial no Concello", á vez que subliña que non impide á Administración dirixirse en castelán aos cidadáns e cidadás que así o desexen.

"Empregar e promover o uso do galego por parte da administración non nega a cada cidadán o seu dereito de elección lingüística relacional se así o desexa, simplemente estabelece un uso normal do galego por parte do Concello, o cal deriva directamente de mandatos de carácter estatutario e legal, que apuntan a esta solución como política de normalización lingüística dunha lingua historicamente sometida a un proceso sociolingüístico de diglosia", sinala o TSXG.

Os maxistrados inciden en que na ordenanza hai "unha invocación de primeira orde, constitucional e estatutaria, do carácter cooficial do castelán". Aliás, recalcan no veredicto que o texto ten por obxecto regular o uso do galego no Concello, polo que aseguran que "é normal que, na súa técnica normativa, poña o acento nos aspectos da vida municipal nos que se quere proxectar a súa presenza e a forma ou os medios cos que se quere concretar".

O tribunal tamén subliña que así o estabelece "o propio Estatuto de Autonomía da Galiza e o resto das normas legais de desenvolvemento sectorial". A achega ao ordenamento xurídico da ordenanza, segundo indica o alto tribunal, "consiste en explicar e desenvolver en que consistirá a promoción e normalización do uso do galego no eido municipal, de maneira que o resto dos aspectos relativos ao castelán, logo dunha primeira cita de recoñecemento do seu status de oficialidade, poderán ser sobreentendidos pola vixencia do principio de xerarquía normativa".

"O uso normal do galego ao que se convida na ordenanza é perfectamente coherente co modelo constitucional de cooficialidade e, tal e como está redactado, de ningunha maneira admite a interpretación de que se prohiba aos destinatarios da norma expresarse en castelán", explican os maxistrados.

Por outra parte, os xuíces inciden na "lexitimidade constitucional e legal" de que os pregos dos contratos administrativos conten coas denominadas "cláusulas de contratación pública lingüisticamente responsábel".

Comentarios