Como vai ser o curso de mellora de uso e calidade do galego que se poderá seguir a través de Nós Diario?
Trátase dun curso de perfeccionamento. Unha proposta que nos parece moi interesante e que pode achegar a todos os fogares galegos unha guía sobre como mellorar a calidade da lingua nun momento en que consideramos que é importante falar con corrección tamén. Esta é a mellor maneira de facelo: distendida, áxil e rápida.
Falamos e escribimos ben a nosa lingua en xeral?
O fundamental é falar. Comezar por aí e logo cada quen que perfeccione. Existen cursos como este que se poderá seguir en Nós Diario ou máis formación a través de internet ou a nivel presencial que nos axudarán a perfeccionar. Temos que animar as persoas que non o fan para que dean o paso e falen galego con normalidade. Pódense facer programas desde concellos e desde outras institucións. Isto é fundamental para recuperar o terreo perdido pola lingua durante tantos e tantos anos de políticas lingüicidas.
Que campañas se leva realizado a prol do galego nos últimos anos desde a Área de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra?
Teño a sorte de poder levar esa área municipal en Pontevedra desde hai cinco anos. O pasado mandato, decidimos centrar as funcións de traballo na rapazada, nas máis pequenas e pequenos. Participamos no programa Apego ofertando recursos, música e actividades. Tamén puxemos a disposición dos centros de ensino obradoiros. Neste mandato decidimos ir un paso máis alá. Continuar a traballar con ese segmento mais engadir outro que vai dos 16 aos 20 anos. Ademais, comezamos a dar os primeiros pasos nun proxecto en colaboración coa Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo que verá a luz, agardamos, nas vindeiras semanas. Procuramos afondar e ofertar espazos e ferramentas para que aquelas persoas que se incorporen á universidade teñan na lingua galega un punto de apoio para exercer a súa vida con total normalidade. Temos, ademais, campañas co comercio e colaboramos con medios de comunicación en galego.
Como se traballa desde o seu departamento nesta situación de estado de alarma?
Algunhas actividades mudaron. É o caso do certame "Ben veñas, maio", que ten varios apartados e tivemos que anular dous: a semana de teatro e o certame musical. Era imposíbel facelos fisicamente. O resto continúan e estes días sairá a resolución do xurado. Estamos aproveitando para deseñar as actividades do mes da lingua, que vai estar dividido entre maio e outubro polas datas que deu a Real Academia Galega. Traballamos tamén nos libros e material que lles entregamos todos os anos ás asociacións e centros de ensino para que poidan coñecer a figura do autor homenaxeado.
Que ideas barallan para promover a lingua unha vez remate o estado de alarma?
O pasado 27 de marzo tiñamos que celebrar a IX edición do Galegote Rock, un festival con música en galego que ten lugar nas rúas, e tívose que suspender. A nosa intención con este festival e con todas as actividades suspendidas é tratar de non cancelalas e varialas a través doutros formatos ou con capacidade reducida de asistentes. Xa o fixo a Área de Cultura co Salón do Libro e Xuventude co local de música e a idea é facelo con todas as actividades. Sabemos que vai ser difícil, mais queremos apostar polo sector cultural, un dos que move a economía do noso país. Outra das liñas de actuación é precisamente a colaboración con Nós Diario a través deste curso en liña co que poder mellorar a calidade do seu galego.