Un adianto electoral postergaría a uns dez anos de atraso o Observatorio da Lusofonía

A Xunta acumula 9 anos de demora na aplicación da Lei Paz Andrade.
A Lei 1/2014 busca estreitar a relación entre a comunidade galega e a lusofonía. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A Lei 1/2014 busca estreitar a relación entre a comunidade galega e a lusofonía. (Foto: Nós Diario)

O Diario Oficial da Galiza (DOG) publicou neste mes o decreto polo que se crea e se regula o Observatorio da Lusofonía Valentín Paz Andrade. Nada máis e nada menos que nove anos despois de que o Parlamento da Galiza aprobara por unanimidade a Lei 1/2014, do 24 de marzo, para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía. O Observatorio da Lusofonía nace así, con case unha década de atraso, dando cumprimento ao artigo 28 da citada lei, coñecida popularmente como Lei Paz Andrade, nome que toma da iniciativa lexislativa popular que a impulsou con 17.000 sinaturas.

O Observatorio da Lusofonía nace adscrito á Consellaría competente en materia de acción exterior, unha función que actualmente recae na Vicepresidencia Primeira e Consellaría de Presidencia, Xustiza e Deportes que dirixe Diego Calvo, que ostentará ademais o cargo de presidente do organismo. Non obstante, o propio decreto especifica que contará "co apoio e soporte da Secretaría Xeral de Política Lingüística" para alcanzar os seus obxectivos. Valentín García, director xeral, será vicepresidente do Observatorio.

23 vogalías

O organismo contará ademais cun total de 23 vogais, entre representación de Direccións e Secretarías Xerais, CRTVG, Instituto Galego de Promoción Económica, Consello da Cultura Galega, Academia Galega da Lingua Portuguesa, Real Academia Galega, Federación Galega de Municipios e Provincias, Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, universidades públicas galegas, organizacións sindicais intersectoriais "máis representativas" ou a Confederación de Empresarios, entre outras entidades, ademais de sete persoas "de recoñecido prestixio no ámbito da lusofonía", que designará a Consellaría de Presidencia. O decreto non estabelece, porén, unha periodicidade para que se reúna este pleno: será cando o convoque o seu presidente ou por petición de 40% de integrantes.

Obxectivos e funcións

O Observatorio da Lusofonía Paz Andrade ten como finalidade "asesorar o Goberno, formular plans de acción e programar actividades de coñecemento, intercambio e programación". Para isto, entre os seus obxectivos estarán o "fomento xeral e a todos os niveis da nosa internacionalidade" ou a "mellora dos niveis de consenso político e social ao redor da lusofonía, e entre as súas funcións "identificar necesidades, obstáculos e oportunidades" e "promover foros de discusión e debate". 

Novo atraso?

O Observatorio da Lusofonía aprobará o seu regulamento de funcionamento interno no prazo de seis meses a partir da súa constitución. Así, todo apunta a que o observatorio non comezará a funcionar, tampouco, nesta lexislatura. Ademais, coa posibilidade dun adianto electoral na Galiz, cabe a posibilidade de que os nove anos que separaron a aprobación da lei da creación do observatorio non sexa o único atraso que padeza o impulso da lusofonía.

Co regulamento sen aprobar, de se disolver o Parlamento coa convocatoria electoral, o observatorio ficaría sen Presidencia, e, polo tanto, a súa constitución non poderá ter lugar.


Unha lei que naceu da unanimidade para ser incumprida

A Lei Valentín Paz Andrade sempre estivo acompañada de acusacións de incumprimento por parte da Xunta da Galiza. Apenas nove meses despois da súa aprobación, o secretario xeral de Política Lingüística recibía o reproche dos grupos da oposición no Parlamento galego, que sinalaban que os esforzos do Executivo —na altura liderado por Alberto Núñez Feixoo— para aplicar a lei para promover a aprendizaxe da lingua portuguesa nos centros de ensino foran "escasos ou nulos".

Na actualidade, case unha década despois, a valoración non difire moito da inicial. A comunidade a prol da lusofnía continúa a ver na Galiza como unha lei que impulsou o movemento popular ficou en auga de castañas mirando con nostalxia o que puido terse conseguido de desenvolverse a lei na súa totalidade.

Comentarios