A actividade económica acrecenta o uso do galego

O Consello da Cultura Galega (CCG) conmemora esta terza feira o 25 aniversario dos Encontros para a Normalización Lingüística cunha nova achega centrada no ámbito socioeconómico. 'Economía, lingua e sustentabilidade' é o título da xornada que dará conta das iniciativas normalizadoras de máis dunha ducia de profesionais e empresas da Galiza arredor da lingua.
Deleite, Caixa Rural Galega e Daveiga traballan e comunican en galego. (Fotos: Arxina | Nós Diario)
photo_camera Deleite, Caixa Rural Galega e Daveiga traballan e comunican en galego. (Fotos: Arxina | Nós Diario)

En sesión de mañá e tarde, o Consello da Cultura Galega aborda esta terza feira a situación do galego no sector económico. O investigador do Instituto da Lingua Galega (USC) Miguel Guisantes será o encargado de abrir a xornada cunha descrición panorámica do uso do idioma nos sectores recollidos no Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico.

Será o primeiro de cinco grandes bloques que contarán coa participación de profesionais e representantes de entidades públicas e privadas da Galiza cuxa actividade empresarial fían ao uso do galego.

Lingua e proximidade

"A política lingüística de Deleite é natural e activa", resume o director executivo de Leite Noso, Pedro González Boquete, quen compartirá a mesa 'Lingua, calidade e proximidade' con representantes de Vegalsa-Eroski, Coop57 e Caixa Rural Galega. "O máis coherente para unha empresa que nace na Galiza, formada por galegos, con capital galego e un Consello de Administración que fala galego é que a súa comunicación, as súas relacións internas e externas sexan nesta lingua".

Tamén os escritos e documentos internos que xera a empresa están en lingua galega, "todos, salvo os contratos de distribución e os contratos que temos cos gandeiros", que González Boquete marca no capítulo de débedas pendentes coa lingua na que tamén comercializa os seus produtos, dentro e fóra da Galiza.

Para a Caixa Rural Galega o idioma de relación coa súa clientela fíxano as persoas usuarias. "A nosa política lingüística é aberta. Son os clientes os que deciden o idioma de relación coa caixa e os nosos sistemas están preparados para atendelos en galego", asegura Jesús Antonio Méndez Álvarez-Cedrón, director xeral da entidade.

O feito de comunicar e transmitir en galego, na Galiza, é unha aposta polo país, unha mostra de compromiso e respecto cara as consumidoras

Caixa Rural Galega dispón de todos os contratos e documentos traducidos o que lle permite potenciar ou uso da lingua e reforzar a propia estratexia empresarial. "Somos un actor financeiro local de moita referencia nas nosas zonas de actividade. Non tería sentido procurar o desenvolvemento económico desas áreas e non ter a posibilidade dunha relación comercial en galego", conclúe Álvarez-Cedrón.

Lingua e sustentabilidade

'Mercar en galego, dereitos e realidades' e 'Vender en galego, promoción e intervención' centrarán dúas mesas máis de debate antes do bloque final: 'Lingua e sustentabilidade', na que intervirán a Asociación Galega para a Bioconstrución, a Federación Galega de Turismo Rural e Daveiga, Galletas Mariñeiras.

No seu nome, Xosé Lois Lamazares, quen reivindica a lingua galega e o seu vínculo natural ao proxecto. "O feito de comunicar e transmitir en galego, na Galiza, é unha aposta polo país, unha mostra de compromiso e respecto cara as consumidoras". Achega sempre "cousas positivas", afirma. "Fóra non ten tanto poder, pero tampouco estorba, por iso animo a quen non o fixera aínda a incorporar a lingua galega como primeiro idioma de comunicación. Son todo vantaxes".

Comentarios