O galego achega 1.440 millóns de euros á economía da Galiza

Por primeira vez un informe do Consello da Cultura Galega (CCG) repara no valor económico do galego. Trátase dun documento pioneiro que detalla a contribución da lingua ao conxunto da economía da Galiza. O impacto directo das actividades vinculadas ao galego ascende a 1.440 millóns de euros de valor engadido bruto e supón 27.702 postos de traballo equivalentes a tempo completo.
Melchor Fernández, Valentín Garcia, Rosario Álvarez, Håkan Casares e Diana Fernández. (Foto: Melchor Fernández, Valentín Garcia, Rosario Álvarez, Håkan Casares e Diana Fernández.).
photo_camera Melchor Fernández, Valentín Garcia, Rosario Álvarez, Håkan Casares e Diana Fernández. (Foto: Melchor Fernández, Valentín Garcia, Rosario Álvarez, Håkan Casares e Diana Fernández.).

Sumado o impacto indirecto do galego sobre a economía da Galiza –procedente dos produtos intermedios adquiridos polos sectores vinculados á lingua galega para poder levar a cabo a súa produción– máis o impacto inducido vinculado ás actividades que se desenvolven nesta lingua –a produción e os postos de traballo que se xeran na economía a través do consumo por parte dos fogares que perciben rendas salariais procedentes directa e indirectamente das actividades en galego–, a contribución total do galego no ano 2019 equivale 3,4% da produción da economía, 4,7% do valor engadido bruto (VEB), uns 2.695 millóns de euros, e 49.893 postos de traballo, 4,8% do emprego a tempo completo.

É a conclusión final que achega o informe O valor económico do galego que onte deu a coñecer a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, acompañada polo Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García; o responsábel do Observatorio da Cultura Galega –encargado de elaborar o estudo–, Håkan Casares, e os profesores da USC e investigadores do Instituto de Estudos e Desenvolvemento da Galiza Melchor Fernández e Diana Fernández.

A tese de partida da investigación apunta que a lingua ten unha industria e un mercado propios, cuantificábeis. "A lingua ten un valor estratéxico e pódese medir en termos económicos", afirmou Rosario Álvarez na presentación do informe, que estima o valor da lingua galega en catro grandes subsectores: industrias culturais e dos medios de comunicación, industrias da lingua, educación e administracións públicas.

Educación, a maior contribución

Destes catro grupos de actividades, o que maior impacto ten sobre a economía galega é o da educación –ensino obrigatorio, postobrigatorio e universitario–, que achega 72,3% do VEB e un 68,2% do emprego xerado, o que supón algo máis de 1.41 millóns de euros e 18.879 postos de traballo a tempo completo.

A lingua empregada na docencia determinou os cálculos, aclara o documento, que sitúa a maior porcentaxe de uso do galego no ensino obrigatorio, 48,2%. Baixa a 42% nas etapas postobrigatorias e cae a entre 23 e 12% na universidade. 

As industrias culturais e dos medios de comunicación –edición, impresión, libros, xornais, audiovisual, música– supoñen unha achega directa de 20,5% do VEB, 295 millóns de euros, e 26,4% do emprego, uns 7.300 postos; se ben practicamente a metade da actividade deste subsector é atribuíble ao galego.

A promoción da lingua e da cultura das administracións públicas xera un 6,7% do VEB e un 4,9% do emprego directo atribuíble ao galego; 95,7 millóns de euros e 1382 postos de traballo a tempo completo. 

Por último, o sector das industrias da lingua (escolas oficiais e academias de idiomas, actividades de tradución e interpretación, tecnoloxías da lingua) ofrece unha contribución de 0,5% ao VEB e ao emprego, o que implica 7,5 millóns de euros e 137 empregos atribuíbles ao galego. 

Medios e industrias culturais

O Observatorio da Cultura Galega empregou na Galiza unha metodoloxía equiparábel á usada para calcular o valor económico do éuscaro e o valenciano. En comparación con estas linguas o peso relativo do galego dobra o do valenciano e alcanza 20% do do éuscaro. Porén, o tamaño do sector da cultura e dos medios de comunicación é superior na Galiza, grazas, di, a unha implantación moi relevante do galego nesta industria.

Comentarios