Abanca exclúe o galego como lingua vehicular da súa universidade privada

Descoñécense as prazas ofertadas pola Universidade de Abanca e o custo da matrícula.
 
O reitor da Universidade Intercontinental de Abanca, Miguel Ángel Escotet (Foto: Europa Press)
photo_camera O reitor da Universidade Intercontinental de Abanca, Miguel Ángel Escotet (Foto: Europa Press)

A Universidade Intercontinental da Empresa (UIE) -universidade privada impulsada por Abanca- exclúe o galego como lingua vehicular, e contará cun modelo de bilingüismo progresivo castelán-inglés. Así o manifestou o reitor da primeira universidade privada na Galiza, Miguel Ángel Escotet, durante a presentación do escudo e do logotipo da institución académica. 

Escotet aproveitou o evento público para adiantar algunhas das características principais que presentará o centro universitario. Entre elas, e ao contrario que nas tres universidades públicas que integran o SUG (Sistema Universitario Galego), está a exclusión do galego na ensinanza como lingua vehicular fronte ao castelán e o inglés. O propio Escotet, cuestionado sobre se a UIE terá en conta o galego no seu modelo, voltou a recalcar que as dúas linguas vehiculares da nova universidade privada serán o castelán e o inglés. 

O proxecto de universidade deseñado por Abanca no ano 2016 suma así unha nova polémica despois de que os partidos da oposición no Parlamento da Galiza, os reitores das tres universidades públicas, a Plataforma Galega en Defensa da Universidade Pública e o Consello Económico e Social mostraran o rexeitamento total a esta iniciativa desde o seu nacemento.

A UIE conta só co apoio da Xunta da Galiza -quen en xullo deste ano aprobou o proxecto de lei necesario para a súa tramitación- e do Ministerio de Universidades de Manuel Castells.

A universidade, dixo Escotet, non estará "masificada", aínda que non concretou nin o número de estudantes nin o custo da matrícula até ter fechados os datos cos que arrincará a institución, que irá incorporando progresivamente titulacións (unha por ano no próximos seis) conforme á normativa que así o exixe.

A UIE arrincará o primeiro curso con dúas facultades: a de Administración de Empresas e Dereito, que impartirá Administración e Dirección de Empresas e Administración de Negocios Dixitais e a Facultade de Enxeñaría e Tecnoloxía da Empresa, que integra Enxeñaría en Sistemas Intelixentes e Enxeñaría da Empresa. A elas, súmanse os mestrados en Tecnoloxía e Intelixencia de Datos e en Dirección e Administración de Empresas.

Xunto con isto, en proceso de verificación para o seu inicio curso 2022-2023, implantaranse os programas de doctoramento en Data Science e Sistemas de Información, e en Economía e Empresa. Progresivamente, nos próximos cursos incorporarase unha nova facultade e titulacións de grao, posgrao e doctoramento.

Comentarios