A Mesa desconvoca as concentracións "polo desprezo de RTVE ao galego" até obter unha resposta da súa dirección

En pleno debate da Lei do audiovisual reclama se garanta o galego "en todas as plataformas, incluídas as públicas como RTVE".
Tanxugueiras posando en Benidorm esta sexta feira (Foto: Joaquín Reina / Europa Press).
photo_camera Tanxugueiras posando en Benidorm esta sexta feira (Foto: Joaquín Reina / Europa Press).

A Mesa pola Normalización Lingüística informou en redes sociais de que vén de solicitar unha nova reunión co director de RTVE para "reclamarlle que cumpra coas obrigacións con respecto ao galego".

Así, e á espera dunha resposta pola súa parte, anunciou que quedan desconvocadas as concentracións previstas inicialmente para esta semana.

A Mesa, unha plataforma con preto de 40 anos de historia e unha das asociacións culturais máis numerosas da Galiza, denunciou esta segunda feira o "desprezo" de RTVE cara ao idioma propio e avanzou mobilizacións en seis cidades esta quinta feira, agora en suspenso.

Baixo o lema "Aldraxe Fest", a entidade convocara concentracións para censurar o "desprezo" de Radio Televisión Española cara ao galego, despois da "presunta manipulación" do Festival de Benidorm que deixou fóra de Eurovisión as Tanxugueiras por decisión do xurado profesional do certame e en contra das votacións do público.

A Mesa reivindica a presenza do "galego na televisión que pagamos".

O galego en cifras en RTVE

"Hai 31 anos que RTVE fechou a súa emisora de radio en galego", recorda o presidente da Mesa, "e só emite en galego 39 minutos dun total de 120 horas, o que supón o 0,5% dos seus contidos diarios e o 0% dos contidos infantís e xuvenís", afirma o presidente da entidade, Marcos Maceira.

"E aínda recentemente se permitiron emitir tentativas de parodias co galego", engade, "pagadas co noso diñeiro". "Galiza e o galego non existen para RTVE", abunda Maceira, "de aí a reacción ao éxito dunha música e dun grupo capaz de chegar a todo o público sen apoio e mesmo contra o criterio excluínte da cadea pública".

O presidente da Mesa afirmou que xa se dirixiu á dirección estatal de TVE até en tres ocasións solicitando unha entrevista coa dirección para lle presentar a reivindicación de máis horas en galego e presenza dobrada e lexendada en toda a programación, sen obter resposta ningunha.

Agora, bríndalle unha nova oportunidade. Estase a debater a nova Lei do audiovisual, e insiste en reivindicar que se garanta o galego "en todas as plataformas, incluídas as públicas como RTVE", conclúe Maceira.

Comentarios