As conexións de Chanel co xurado e con BMG

Por que o xurado do festival de Benidorm non quería que gañase Tanxugueiras?

Cumpriuse o guión. O xurado do festival de Benidorm empregouse a fondo para que todo saíra á medida das orientacións recibidas desde a dirección da  Corporación de Radio Televisión Española (CRTVE). Un deseño onde a cultura galega non ten cabida

Actuación das Tanxugueiras este sábado (Foto: @arealities).
photo_camera Actuación das Tanxugueiras este sábado (Foto: @arealities).

As enquisas adiantaba un aumento no apoio popular a Tanxugueiras. Neste sentido, coincidían sondaxes procedentes do mundo demoscópico e da música. Sen ir máis lonxe, “Los 40 principales”, a canle musical máis seguida do Estado, facía pública unha sondaxe poucas horas antes da final onde sinalaba que o grupo galego era o preferido entre a súa audiencia.

A alza nas expectativas do voto directo a Tanxugueiras explica que o xurado profesional reducira aínda máis a súa puntuación ás pandeireiteiras. Mentres na gala da pasada quinta feira os xuíces outorgaron ao grupo galego para o escándalo da audiencia 38 puntos, na final deste sábado concedéronlle 30 puntos.

Tanxugueiras de recibir o sábado do xurado o mesmo número de votos que a cuarta feira alzaríase como triunfadora do festival de Benidorm. Chanel acadou onte a primeira praza con 91 puntos, 50 dos cales procedían dos xuíces, 25 do voto demoscópico e 20 do “televoto”. Pola súa banda, Tanxugueiras ficou en terceiro lugar con 91 puntos, 30 do xurado, 30 do voto demoscópico e 30 do sufraxio directo.

O xurado rebaixa a puntuación ao grupo galego

O grupo galego no caso de recibir onte 38 puntos dos xuíces, sumándoos aos outros 60 achegados polo público e o xurado demoscópico sumaría 98 votos. Neste sentido, falta por saber se a valoración da actuación de Tanxugueiras foi distinta polos membros españois do xurado e os doutras nacionalidades, como supostamente aconteceu en semifinais.

As diverxencias entre os resultados da votación popular e demoscópica e a puntuación do xurado cuestiona a súa imparcialidade, tal é como foi denunciado nas redes sociais por numerosas persoas. Máis unha vez a idea de “tongo” é claramente maioritaria entre a opinión pública galega.

As bases do festival de Benidorm estaban pensadas para que fora o xurado quen adoptara a decisión conforme as orientacións marcadas pola dirección do ente público. Tanto é así, que reservaban para o mesmo 50% dos votos, o que imposibilitaba de facto unha opción que non contara co seu apoio.

“Slomo”

As razóns que explican o interese do xurado no trunfo de Chanel coa súa canción “Slomo” son diversas. A marxe de consideracións de fondo sobre a idea do Estado e das súas linguas cooficiais, as ligazóns da alternativa de Chanel coa grande industria musical e da comunicación son evidentes.

A candidatura de Chanel está promovida pola grande produtora estadounidense BMG. Un dos seus donos é Keith Harris, un dos grandes empresarios da industria discográfica, autor tamén da letra “Slomo” canda Leroy Sánchez, compositor do tema de Blas Cantó que cun rotundo fracaso representou o ano pasado ao Estado español en Eurovisión.

As conexións dos membros do xurado con este grupo e coa propia Chanel, tamén, son coñecidas. Sen ir máis lonxe, unha das súas integrantes, Myriam Benedited foi compañeira de traballo da concursantes gañadora Chanel, a quen o xurado outorgou a máxima puntuación na final. Benedited encargouse da actuación de Edurne na edición de 2015 do festival, onde rematou no posto 21.

Comentarios