Nace 'Alingua', a plataforma supramunicipal para a defensa e promoción do galego

18 municipios unen forzas para desenvolver proxectos conxuntos no eido da normalización lingüística a través desta entidade.
Presentación da entidade en Compostela, esta segunda feira (Foto: Alingua).
photo_camera Presentación da entidade en Compostela, esta segunda feira (Foto: Alingua).

Un total de 18 concellos únense en Alingua, a Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega, que nace co obxectivo de desenvolver proxectos conxuntos no eido da normalización do idioma. Os municipios que constitúen este entidade son A Baña, Ames, A Coruña, Betanzos, Cedeira, Ferrol, Moaña, Narón, O Grove, Ponteceso, Pontevedra, Redondela, Ribadeo, Rianxo, Rois, Santiago de Compostela, Teo e Vilagarcía de Arousa.

As institucións locais integrantes xa colaboraban en proxectos como Apego, Youtubeiras, Club de Debate ou Enreguéifate, iniciativas colaborativas de dinamización lingüística. Un dos obxectivos desta nova asociación é canalizar este tipo de colaboracións dirixidas a aumentar o uso do galego, fomentar as sinerxias entre as administracións e lograr unha xestión máis eficaz destas e outras accións en materia de lingua.

Esta acción conxunta, que foi presentada esta segunda feira en Compostela polo alcalde de Rianxo e presidente de Alingua, Adolfo Muíños, trata de fomentar a cooperación entre institucións locais e o traballo en rede. Na súa intervención, da que informou a organización nun comunicado, Muiños explicou que o nome da asociación xorde de 'alinguar', un verbo transitivo que significa usar a lingua propia para expresar pensamentos e accións á vez que se manifesta unha vontade expresa de autodefinición e afirmación nela e na cultura que a vehícula.

O vocábulo centra unha campaña a medio camiño entre a ficción e o falso documental a través das redes, protagonizada polas intérpretes Gloria Risco e Tania Yáñez. A campaña conta con colaboracións como a das actrices Mela Casal, Melania Cruz e Ailén Kendelman, a cantante MounQup, os xornalistas Gonzo, David Espiño e Patricia Santana, as creadoras dixitais Olaxonmario, Todomalva e Surfeando Libros, o artista Sergio Marey, o escritor Ismael Ramos e a artesá Elena Ferro.

Tamén participan a psiquiatra Iria Veiga, o intérprete Xosé A. Touriñán, a bailarina Ánxela Blanco, o rapero O Rabelo, a 'influencer' Paula Jorge, a maga Sara Rodríguez e o músico Caxade.

Todas estas personalidades participan nas pezas audiovisuais da campaña, que buscan sinalar o orgullo de contar cunha lingua propia e expanden mensaxes chave como 'E ti, que alinguas?', 'Ou teu algoritmo fala galego?' ou 'A lingua sitúanos non mundo'.

A primeira iniciativa que organiza Alingua é, precisamente, a campaña de presentación que se desenvolve para dar a coñecer a asociación e a súa finalidade. Baixo o lema 'Alingua aí', xógase coa propia marca da entidade para comunicar o orgullo colectivo por traballar a prol da normalización do idioma.

Inclúe tamén sorteos para acudir a restaurantes pertencentes ao Grupo Nove —Culler de Pau, Eirado da Leña, Pepe Vieira e O Balado—, difusión nos medios de comunicación ou contidos audiovisuais adaptados ás novas narrativas das redes sociais. Ao acto de presentación asistiron representantes dos distintos concellos participantes na iniciativa, así como representantes dos grupos parlamentarios.

Comentarios