'Ax(e)itar a lingua', o novo manual de linguaxe inclusiva

A federación de ensino da CIG en colaboración coa Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) veñen de editar un novo manual de linguaxe inclusiva do que son autoras Montse Pena Presas e María Caamaño Rojo.
Acto de presentación do manual, esta segunda feira (Foto: Nós Diario).
photo_camera Acto de presentación do manual na Casa das Mulleres Xohana Torres de Compostela, esta segunda feira (Foto: Nós Diario).

A Casa das Mulleres Xohana Torres, en Compostela, acolleu esta segunda feira a presentación do manual de linguaxe inclusiva Ax(e)itar a lingua. Orientacións para unha comunicación inclusiva no ensino.

A publicación, da que son autoras Montse Pena Presas e María Caamaño Rojo, foi editada pola federación de ensino da CIG en colaboración coa Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG).

A responsábel de formación da CIG-Ensino, Ana Rodiño, en conversa con Nós Diario, explicou que decidiron impulsar esta iniciativa para "cubrir un oco que existe nas publicacións actuais en canto a linguaxe inclusiva, xa que hai un carencia moi grande, sobre todo no que se refire ao centrado exclusivamente no ámbito do ensino".

Desde a central sindical consideran que se trata dunha iniciativa que xa "debera ter tomado  a Administración educativa", mais esta "non o fai". É por iso que quixeron aproveitar esta presentación para facer un chamado tanto ás institucións que rexen as políticas educativas como á Real Academia Galega (RAG) para levar adiante avances en cuestións de linguaxe inclusiva.

Rodiño, con respecto á RAG, explicou que, "aínda sendo unha institución que comparada con outras academias vai un paso por diante ", con respecto a esta cuestión, "quédalle moito por facer", e por isto pide á Real Academia Galega "que escoite a voz da sociedade".

Pola súa parte, Montse Pena Presas explicou a Nós Diario que, tanto ela como María Caamaño Rojo, as autoras do manual, aceptaron o encargo por parte das dúas entidades que editan a publicación porque lles parecía "algo necesario no ensino".

"A idea da guía é que sexa un material flexíbel", de forma que "a poida utilizar xente que está empezando a estar concienciada coa comunicación inclusiva mais tamén a que xa ten andado neste camiño", explica a autora. 

Así mesmo, aclara que a guía ten dúas partes: unha primeira en que se sintetizan "as diferentes posibilidades que existen na comunicación inclusiva" e unha segunda, "que vai dirixida a cada etapa educativa e fai propostas didácticas concretas".

Comentarios