Zelenski sofre un accidente de tráfico após bater un vehículo contra o convoi que o custodiaba

O dirixente ucraíno non sufriu lesións graves, confirmou o seu portavoz.
O presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, no Parlamento de Kíiv. (Foto: Goberno de Ucraína / DPA)
photo_camera O presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, no Parlamento de Kíiv. (Foto: Goberno de Ucraína / DPA)

O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, sufriu un accidente de tráfico a primeira hora desta quinta feira nas inmediacións de Kíiv, após unha visita sorpresa á cidade de Izium, cando un vehículo bateu contra o convoi que custodiaba o dirixente ucraíno.

Así o confirmou na súa conta de Facebook o portavoz presidencial Sergei Nikiforov, quen tamén adiantou que o presidente saíra ileso do accidente. “O presidente foi examinado por un médico, non se atoparon lesións graves”, engadiu o voceiro de Zelenski.

En canto ao condutor do vehículo que bateu contra o do presidente, as primeiras informacións apuntan a que sufriu un contratempo accidental. Esta persoa tivo que ser trasladada ao hospital despois de ser atendido polos servizos médicos de emerxencia que viaxaban na comitiva co líder ucraíno.

A Policía ucraína xa abriu unha investigación para esclarecer por completo cales foron as circunstancias concretas nas que se produciu o accidente, subliñou Nikiforov.

“Medidas radicais” de Rusia

O Ministerio de Defensa Ruso anunciou na terza feira que tomaría "medidas radicais" perante a "situación crítica que se está a vivir no Donbás". Segundo fontes gobernamentais rusas, ese conxunto de medidas incluirían novo material militar máis moderno e potente así como mísiles e demais munición máis avanzada que a que viñan utilizando até agora.

De acordo coas primeiras informacións, Rusia respondería deste modo ao avance do exército ucraíno en Khárkiv, un territorio que se encontra moi perto do Donbás.

A pesar disto, As Forzas Armadas de Ucraína afirmaron a través dun comunicado que o Exército ruso está a sufrir "danos significativos a diario" no medio das contraofensivas lanzadas polas forzas ucraínas en varias rexións do país, antes de agregar que durante a terza feira "morreron até 350 militares rusos en combate".

"O Exército ruso sofre perdas significativas de persoal cada día e tenta compensalas de distintas formas. A cúpula militar segue buscando quen quere loitar entre prisioneiros, especialmente en colonias da rexión de Tula", denunciaron, antes de apuntar que as autoridades rusas "prometen aos convictos borrar o seu historial criminal a cambio de tres meses de servizo", aseguraron as Forzas Armadas Ucraínas.

Comentarios