Zelenski destitúe e acusa de traizón a fiscal xeral de Ucraína, que investigaba a "matanza" de Bucha

Aliás, tamén cesou o xefe do servizo de seguridade nacional (SBU).
Irina Venediktova, nunha visita a Ucraína. (Foto: Europa Press)
photo_camera Irina Venediktova, nunha visita a Ucraína. (Foto: Europa Press)

O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, destituíu no día de onte o xefe do servizo de seguridade nacional (SBU), Ivan Bakanov, e a fiscal xeral da Ucraína, Irina Venediktova, despois de acusalos de traizón e colaboración con Rusia.

Segundo detallou o presidente ucraíno, 60 empregados e empregadas de ambas institucións traballaron contra o país desde os territorios ocupados polo exército ruso. Aliás, as autoridades de Ucraína investigan máis de 650 casos de presunta traizón no funcionariado ucraíno.

O xefe do SBU era amigo da infancia de Zelenski,e seguía a formar parte do círculo íntimo do dirixente até poucas semanas antes da súa destitución.

En canto á fiscal xeral de Ucraína, dedicábase a perseguir posíbeis crimes de guerra dos soldados rusos en territorio ucraíno. Nomeadamente, os presuntos asasinatos ocorridos na cidade de Bucha, próxima a Kíiv, onde se atoparon varias fosas comúns e cadáveres nas rúas.

Nun discurso emitido na noite de onte, o dirixente ucraíno asegurou que as conexións entre os servizos de seguridade ucraínos e a intelixencia rusa "constituían un crime contra os cimentos da seguridade nacional".

Detención do ex líder do SBU en Crimea

24 horas antes da destitución de Bakanov, as autoridades ucraínas detiveron o antigo xefe da SBU na zona de Crimea, Oleg Kulinich,que ocupou o seu cargo até marzo deste ano e seguía a colaborar coa axencia.

Segundo Zelenski, "reuníronse suficientes probas para denunciar esta persoa por sospeita de traizón. Todas as súas actividades delituosas están documentadas".

Comentarios