Zelenski recoñece o control ruso sobre 20% do territorio ucraíno

Aprobado o sexto paquete de sancións contra Rusia.
Exhumación de cadáveres en Bucha (Ucraína) durante esta semana. (Foto: Carol Guzy / Zuma Press / Contactophoto)
photo_camera Exhumación de cadáveres en Bucha (Ucraína) durante esta semana. (Foto: Carol Guzy / Zuma Press / Contactophoto)

A guerra en Ucraína recrúa mentres o Executivo de Volodimir Zelenski, presidente ucraíno, reclama máis armas —que lle son concedidas— e Rusia advirte que isto aviva as posibilidades de que un terceiro país se vexa implicado no conflito. No terreo, as Forzas Armadas rusas contan co control da maioría de Severodonetsk, sinalan medios especializados, após superar o centro e a zona residencial. Os combates localízanse nestes intres na zona industrial.

Severodonetsk e a veciña Lisichansk teñen un importante peso no segundo sector, especialmente no eido das plantas químicas para producir fertilizantes, entre outros produtos, máis tamén é chave pola súa conexión co resto do país, a máis importante é a estrada que une Lisichansk con Bajmut, no oblast de Donetsk.

Amais, constitúen as últimas poboacións en control das forzas de Kíiv no oblast de Luhansk. O mandatario da República Popular de Luhansk, Leonid Pasechnik, sinalou onte a Russia-24 sobre os vindeiros pasos a dar que "o noso obxectivo, o noso soño, e a tarefa que temos desde 2014, é ser parte de Rusia". A perda de terreo está a ser asumida nos últimos días pola parte ucraína, Zelenski salientou nunha intervención diante do Parlamento de Luxemburgo esta quinta feira que Rusia controla arredor do 20% do territorio ucraíno.

Este cambio na estratexia comunicativa está acompañado de novas solicitudes de armas. Se nesta semana Estados Unidos (EUA) e Alemaña xa anunciaran máis armamento, esta quinta feira foi Eslovaquia quen revelou que remitirán a Ucraína até oito obuses autopropulsados. Ao tempo, Reuters adiantou que o Goberno de Joe Biden, presidente dos EUA, ten programado entregar unha serie de drons de ataque, capaces de portar catro mísiles.

O ministro de Asuntos Exteriores ruso, Sergei Lavrov, apuntou que as solicitudes ucraínas de armamento son "unha provocación directa destinada a involucrar Occidente nas accións militares". Ademais, o diplomático do Ministerio Gregori Mashkov cuestionou os condicionantes que impoñen as alianzas cos EUA, “todos os países cos que teñen relacións de aliados perderon a súa voz. Os europeos fixeron todo o posíbel para destruír a súa propia seguridade rexional”.

Sancións da UE

Os Estados da Unión Europea (UE) aprobaron esta quinta feira de forma definitiva o sexto paquete de sancións contra Rusia, centrado no embargo do petróleo que importan por vía marítima, que supón dúas terceiras partes do total. Mais, tamén inclúe sancións a unha listaxe de persoas que consideran próximas a Putin.

O acordo estivo a piques de ser vetado por Hungría, que o bloqueou até que foi eliminado desa relación de persoas o nome do patriarca Kirill, cabeza da igrexa ortodoxa rusa, que seguen 150 millóns de persoas.

A reorganización en materia de seguridade da UE tivo na cuarta feira un novo episodio co referendo en Dinamarca para incluír o país no programa de defensa do bloque comunitario, no que non participaba. O sufraxio favorábel de máis de 65% das e dos votantes tamén permitirá ao Goberno aumentar en 940 millóns de euros o orzamento militar.

Xa no que atinxe á solicitude de Finlandia e Suecia de entrar na Organización do Tratado Atlántico Norte, Faruk Kaymakci, viceministro de Exteriores de Turquía, reiterou esta quinta feira que non aceptarán o ingreso dos países escandinavos mentres non abandonen o apoio ás forzas kurdas.

Comentarios