Zelenski intervirá por videoconferencia na cimeira da OTAN en Madrid

Así o confirmou esta segunda feira o director adxunto da Oficina Presidencial de Ucraína, Igor Zhovka, segundo a axencia de noticias Ukrinform.
Pedro Sánchez e Volodimir Zelenski en Kíiv. (Foto: Canal Sur)
photo_camera Pedro Sánchez e Volodimir Zelenski en Kíiv. (Foto: Canal Sur)

O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, intervirá por videoconferencia na cimeira que a Organización sobre o Tratado do Atlántico Norte (OTAN) organizará en Madrid os vindeiros 29 e 30 de xuño.

Así o confirmou esta segunda feira o director adxunto da Oficina Presidencial de Ucraína, Igor Zhovka, nunha sesión informativa coa prensa, segundo recolleu a axencia de noticias Ukrinform.

Zhovka explicou que "o presidente de Ucraína foi invitado a participal na cumbre por videoconferencia".

"O presidente foi invitado a falar na primeira sesión desta cimeira, é dicir, a primeira sesión inaugural, á que asistirán os 30 líderes dos estados membros da OTAN", engadiu.

Cimeira da OTAN en Madrid

Madrid acollerá esta cimeira da OTAN en conmemoración do 40 aniversario da adhesión do Estado español á organización atlantista.

O pasado 30 de maio, coincidindo co acto de conmemoración desta efeméride, o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, defendeu o aumento do gasto en Defensa ante as "ameazas" que se presentan e dado que a seguridade "non está garantida de forma indefinida".

Na súa intervención ante o secretario xeral da Alianza, Jens Stoltenberg, e o rei Felipe VI, Sánchez sinalou que é "imprescindíbel" reforzar as capacidades de disuasión e que estas só se adquiren cun aumento do investimento en Defensa. "Somos moi conscientes diso", afirmou.

Sánchez engadiu que os aliados así llo van a transmitir ás súas sociedades. "Debemos facer ese esforzo", apuntou, porque "é moito maior o custo de quedar de brazos cruzados" mentres se pon "en xaque" a liberdade e o modelo de convivencia pacífica, subliñou.

Comentarios