A Xustiza internacional decide a sexta feira sobre as medidas contra Israel

Israel bombardea un centro da ONU en Gaza
Ferido nun ataque israelí. (Foto: Mohammed Talatene / DPA)
photo_camera Ferido nun ataque israelí. (Foto: Mohammed Talatene / DPA)

A Corte Internacional de Xustiza fixo público hoxe que a sexta feira emitirá unha resolución ao respecto das medidas provisorias demandadas por Suráfrica para “protexer contra danos maiores, graves e irreparábeis os dereitos do pobo palestino baixo a Convención sobre Xenocidio”, co fin de “garantir” que Israel cumpra a súa obriga como signatario da Convención de “non cometer xenocidio”.

O veredicto non determinará se Israel está a perpetrar un xenocidio contra o pobo palestino en Gaza, unha acusación que apoian persoas expertas da Organización das Nacións Unidas (ONU), que tamén alertaron dunha limpeza étnica en curso, e só se referirá ás medidas provisorias. A sentenza definitiva podería tardar anos en producirse.

En paralelo, en Gaza prosegue a agresión militar sionista. A Axencia da ONU para os refuxiados palestinos informou de que nove persoas faleceron e 75 resultaron feridas nos bombardeos de tanques israelís contra un centro da entidade en Khan Younis, no centro da Faixa, no que se refuxiaban arredor de 800 persoas. Pouco despois, denunciou un número “masivo de vítimas” ao incendiarse o centro.

O voceiro da entidade, Adnan Abu Hasna, negou que se tiveran producido advertencias previas, e explicou que nas últimas 48 horas non puideron entrar ou saír do lugar pola presenza nas proximidades de tanques israelís. Malia que varios centros do organismo foron atacados por Israel é “quizais a primeira vez que vemos un incendio tan grande”. Entrementres, “a xente berra, chora e pide axuda”.

A cifra de palestinas e palestinos asasinados por Israel en Gaza desde o 7 de outubro ascende a case 26.000. Non obstante, Washington aseverou que Israel está pasando a unha fase de “baixa intensidade” militar.

Risco de escalada

Xa no Iraq, o Executivo alertou de que os ataques estadounidenses a terza feira contra unha milicia no país, unha das que lanzaron máis de 130 ataques contra bases militares de Washington no Iraq e en Siria polo seu apoio ás accións israelís, “contribúen a unha escalada irresponsábel”, criticando os Estados Unidos por “danar a seguridade e a estabilidade” iraquí. Ademais, cualificou os ataques como "inaceptábeis".

Nese sentido, o secretario xeral da ONU, António Guterres, ratificou que o risco de que a agresión israelí a Palestina se converta nunha guerra rexional “é agora unha realidade”.

Comentarios