Suráfrica denuncia Israel

Mariña Barreiro (OSCE): "Todo indica que se apostará por medidas preliminares"

A encargada de Asuntos Políticos na Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa (OSCE), Mariña Barreiro, analiza para 'Nós Diario' a magnitude da querela de Suráfrica contra Israel polo xenocidio en Gaza.
A encargada de Asuntos Políticos na OSCE, Mariña Barreiro. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A encargada de Asuntos Políticos na OSCE, Mariña Barreiro. (Foto: Nós Diario)

Mariña Barreiro, encargada de Asuntos Políticos na Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa (OSCE), explica en conversa con Nós Diario que "a Corte Internacional de Xustiza (CIX) é o órgano superior xurídico das Nacións Unidas encargado de resolver disputas entre Estados". Ao respecto, afirma a experta, "non acolle casos de individuos, senón duns Estados contra outros, e os veredictos son vinculantes".

Porén, matiza a experta, "a CIX non ten os medios para poder aplicar a Xustiza, senón que depende do Consello de Seguridade da ONU para implementala, algo difícil neste caso". "Nunhas semanas é moi probábel que a CIX chegue a decidir sobre medidas preliminares, as cales poderían incluír un cesamento do fogo por parte de Israel, que tería que deixar que houbese unha comisión de verificación internacional para investigar os posíbeis crimes de xenocidio que se puideran ter cometido na Faixa de Gaza", afirma a encargada de Asuntos Políticos na OSCE.

"O veredicto final deste caso vai levar anos, a intención de Suráfrica neste caso enfócase nas medidas preliminares urxentes para poder parar a campaña de Israel e evitar que haxa aínda máis danos irreparábeis aos dereitos fundamentais do pobo palestino, que están protexidos pola Convención sobre a Prevención do Xenocidio", salienta. "É importante sinalar que ambos os Estados son asinantes desta convención", di.

"Israel alega que as máis de 23.300 persoas asasinadas son defensa propia polos crimes de Hamás. Porén, todo apunta a que a CIX si aposte por medidas preliminares, mais os EUA poden vetar unha resolución neste sentido no Consello de Seguridade da ONU", conclúe Barreiro. 

Comentarios