A UE retirará fondos comunitarios a Hungría e Polonia se contraveñen o Estado de dereito

O Tribunal de Xustiza da Unión Europea avala esta condición para optar aos fondos europeos. O pasado verán, os gobernos húngaro e polaco foron expedientados por Bruxelas por "violaren os dereitos fundamentais das persoas LGBTIQ+".
A Xustiza cre que esta condición é "axeitada" e non incumpre os tratados da Unión (Foto: Patrick Pleul / dpa-Zentralbild).
photo_camera A Xustiza cre que esta condición é "axeitada" e non incumpre os tratados da Unión (Foto: Patrick Pleul / dpa-Zentralbild).

O Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TUE) avalou esta cuarta feira o novo mecanismo que condiciona o desembolso de fondos europeos ao respecto do Estado de dereito, un mecanismo que Budapest e Varsovia recorreron ante a Xustiza europea para tentar a súa anulación.

En dúas sentenzas, a Gran Sala do Tribunal europeo considera que o mecanismo foi adoptado sobre unha base xurídica axeitada, que é conforme con outros procedementos existentes nos Tratados e que respecta, en particular, os límites das competencias atribuídas á Unión e o principio de seguridade xurídica.

Os gobernos húngaro e polaco acudiron á Xustiza europea para pedir a anulación deste regulamento ao considerar que carece de base xurídica e que bate con outros instrumentos que xa existen nos Tratados da UE para actuar ante riscos graves para o Estado de dereito, como o artigo 7, que permitiría en última instancia suspender o dereito a voto dun Estado membro incumpridor.

Aplicábel desde o pasado 1 de xaneiro, o regulamento foi aprobado co rexeitamento destes dous gobernos, que bloquearon a adopción do orzamento europeo e do plan anticrise de 800.000 millóns de euros durante varias semanas para tratar de tombar esta condición, que consideran "arbitraria e carente de base xurídica".

Durante o proceso, ademais dos servizos xurídicos das dúas institucións afectadas, tamén a Comisión Europea e unha decena de Estados membros —entre eles España, Francia e Alemaña— acudiron en defensa da nova normativa.

Nas súas conclusións do pasado decembro, o Avogado Xeral do TUE xa avalara o regulamento de condicionalidad e recomendara á Xustiza europea desestimar os recursos presentados por Polonia e Hungría, ao concluír que a norma se apoia na base xurídica adecuada.

Entón, o Avogado Xeral, Manuel Campos Sánchez- Bordona, considerou que o devandito réxime, que afecta tamén o plan de recuperación, foi adoptado "sobre unha base xurídica axeitada" e é "compatíbel" cos límites que marcan os Tratados da Unión Europea, alén de respectar o principio de seguridade xurídica.

Expedientes abertos

Cómpre lembrar que a UE abriu o pasado verán senllos expedientes a ambos os gobernos por "violar os dereitos fundamentais das persoas LGBTIQ+" a través da aprobación de diferentes leis que contraveñen os principios de igualdade da Unión.

Comentarios