Bruxelas abre expediente a Hungría e Polonia polas súas leis antiLGTBI

A Comisión Europea considera que as leis de Polonia e Hungría violan dereitos fundamentais das persoas LGTB+.
EuropaPress_3344363_marcha_igualdad_comunidad_lgtbi_celebrada_finales_agosto_cracovia_capital
photo_camera Marcha LGTBI na localidade polaca de Cracovia (Foto: Filip Radwanski / Zuma Press)

A Comisión Europea iniciou este 15 de xullo senllos expedientes sancionadores contra Hungría e Polonia por promover leis que violan os dereitos fundamentais das persoas LGTBI, o primeiro pola controvertida norma que prohibe falar de sexualidade nas escolas e o segundo por decretar "zonas sen ideoloxía LGTBI".

O procedemento de infracción arrinca co envío dunha carta de emprazamento que detalla as razóns da preocupación de Bruxelas ás autoridades estatais e dálles un prazo de dous meses para emendar a situación.

Os expedientes sancionadores prevén unha segunda etapa de diálogo se non se resolve o conflito nesta primeira fase e, en última instancia, o Executivo comunitario podería elevar os casos ante o Tribunal de Xustiza da UE.

A presidenta da Comisión, Ursula von der Leyen, xa cualificara de "vergoña" a reforma promovida polo Goberno húngaro, que baixo o paraugas dunha lei contra os delitos de pederastia incluíu medidas para impedir o acceso dos menores a información sobre o colectivo LGTBI.

Polonia

No caso polaco, Bruxelas tentou en varios contactos convencer as autoridades de que actuasen contra a decisión de varios municipios de declarárense en 2019 "zonas sen ideoloxía LGTBI".

Os servizos comunitarios consideran insuficientes as explicacións recibidas de parte de Varsovia, que ignorou algunhas das peticións de Bruxelas, e ven na declaración destas zonas un caso de discriminación por razón de orientación sexual, ademais de lamentar a falta de cooperación do Goberno polaco.

Tamén este 15 de xullo, a Comisión avisou a Polonia de que as súas autoridades e tribunais están obrigados polos Tratados da UE a cumprir as sentenzas ditadas polo Tribunal de Xustiza da UE, incluído o auto ditado na véspera obrigando a Varsovia a suspender o réxime disciplinario que impón aos xuíces do Supremo.

Comentarios