Refuxiados, balas contra o muro da UE

Usados como arma, son disparados polos países limítrofes da UE e estrélanse contra o escudo comunitario, onde se obvian a Convención de Xenebra e o respecto aos dereitos humanos. Todo no marco de choques políticos que se aproveitan das carencias económicas e de seguridade de quen foxe de Siria, de Iraq ou do Afganistán.
EuropaPress_3890334_19_august_2021_poland_usnarz_gorny_polish_border_guards_stand_guarding_the
photo_camera Militares vixían o grupo de refuxiados que permanece desde hai dúas semanas entre as fronteiras (Foto: Attila Husejnow / SOPA)

Fíxoo Turquía en marzo de 2020. Fíxoo Marrocos en maio deste ano. E faino Bielorrusia agora. A presión migratoria que soportan os países fronteirizos coa UE serve a estes Gobernos como arma de presión a Bruxelas en determinados momentos e en determinadas circunstancias.

Ankara asinou un acordo coa UE en 2016, tras a crise migratoria do ano anterior, para conter o paso de inmigrantes e persoas refuxiadas ao territorio comunitario a cambio dun cheque de 6,6 millóns de euros. Mais co conflito de Siria como pano de fondo, o ano pasado exixiu ─e logrou máis diñeiro a cambio de non abrir as fronteiras.

Rabat, no marco do conflito bilateral con Madrid por acoller en territorio español un líder da Fronte Polisario enfermo da Covid-19, tamén se eximiu dos compromisos de conter a migración que tenta chegar a Europa atravesando o Mediterráneo occidental. Un conflito, o da primavera pasada, que derivou indirectamente nunha mudanza á fronte do Ministerio de Exteriores español.

Agora é Minsk quen está a xogar a carta migratoria na partida diplomática con Bruxelas. A reelección de Alexandr Lukashenko como presidente bielorruso en agosto de 2020 provocou unha serie de intensas protestas por parte da oposición, que denunciaba unha suposta fraude electoral. Protestas fortemente reprimidas e que levaron á imposición de sancións por parte de Occidente.

No aniversario, este mes, daqueles acontecementos, renováronse as sancións. E Lukashenko respondeu: "Nós requisabamos as drogas e freabamos os inmigrantes. Agora, vanas incautar e atrapalos vostedes mesmo". 

Valos na fronteira da UE

Meu dito, meu feito. Nas últimas semanas Letonia, Lituania e Polonia ─os tres Estados membros da UE que fan fronteira con Bielorrusia─ detiveron máis inmigrantes irregulares que en todo 2020. Persoas na súa maioría procedentes de Siria, do Iraq e do Afganistán que foxen dos conflitos armados nos seus países.

Non o ve así, porén, Polonia. "Estes non son refuxiados, son inmigrantes económicos traídos polo Goberno bielorruso", afirmou na segunda feira o viceministro de Exteriores, Marcin Przydacz, nunha visita a conflitiva fronteira. Alí anunciou a construción dun valo de 2,5 metros para impedir o acceso destas persoas que chegan solicitando asilo, informou a canle pública, TVP

O Goberno polaco está a ser fortemente criticado polos organismos de dereitos humanos, especialmente polas "devolucións en quente" que aplica. Práctica tamén usada por Grecia, no caso dos inmigrantes chegados de Turquía; e por España, na dos chegados de Marrocos. Tamén, nos tres exemplos, cos menores

O subcomité para a Prevención da Tortura da ONU declarou que as "devolucións en quente" ─é dicir, expulsar do país un inmigrante irregular no momento en que tenta cruzar a fronteira, sen serlle aplicadas ningunha das proteccións e garantías da lexislación estatal e internacional─ atentan contra os dereitos humanos.

Lituania tamén anunciou esta semana a construción dun valo de 550 km ante o "ataque" de Bielorrusia a Lituania, tal e como o cualificou a primeira ministra do país, Ingrida Simonyte. O Goberno asegura que o terá finalizado para setembro de 2022. No que vai de 2021, 4.141 persoas entraron ilegalmente no país en comparación coas 74 de 2020.

A UE ameazou con novas sancións a Bielorrusia pola "instrumentalización" dos inmigrantes, e os primeiros ministros de Letonia, Lituania e Polonia (e tamén o de Estonia) enviaron esta semana un comunicado conxunto á ONU acusando a Lukashenko de "planificar e organizar de maneira sistemática" o fluxo migratorio.

En terra de ninguén

A "arma" migratoria usada polos Gobernos bielorruso, marroquí e turco é moi poderosa, mais as primeiras vítimas son os refuxiados. É o que acontece co grupo de inmigrantes que aseguran proceder do Afganistán e que permanecen desde hai dúas semanas varados na fronteira entre Bielorrusia e Polonia, perto da vila de Usnarz Górny. En terra de ninguén.

A axencia da ONU para os refuxiados (Acnur) criticou con dureza nas últimas horas a Varsovia, exixindo atención a estas persoas. "Se ben recoñecemos os retos que supón as recentes chegadas a Polonia, pedimos ás autoridades polacas que dean acceso ao territorio, asistencia médica inmediata, asesoramento legal e apoio psicolóxico a estas persoas", sinalou Christine Goyer, representante de Acnur en Polonia.

A axencia da ONU emitiu un comunicado recoñecendo o "lexítimo dereito" dos Estados a xestionaren as súas fronteiras. "Porén, deben respectar tamén os dereitos humanos, incluído o dereito a solicitar asilo", afirma. Tamén o Comité de Dereitos Humanos de Helsinki solicitou na terza feira ao Tribunal de Estrasburgo que decrete medidas cautelares para protexer este grupo de refuxiados.

E desde a oficina do Valedor do Pobo polaco ─recolleu o diario Gazeta Wyborcza─ aseguran que se está a violar a Convención de Xenebra, a lexislación comunitaria e a Constitución de Polonia ao non aceptar as declaracións verbais dos inmigrantes que manifestaron a súa vontade de solicitar asilo político no país. 

Avogados, tradutores e outras persoas voluntarias de ONG achegáronse estes días até o lugar para ofreceren a súa axuda, informou Euronews. Mais, segundo denuncian, os soldados impídenlles achegarse. E cando tentan comunicarse desde a distancia, para axudar os refuxiados a cubrir as solicitudes, acenden os motores dos seus vehículos. 

O Supremo dos EUA ordena reactivar o plan de asilo de Trump

O Goberno dos EUA asegurou onte que seguirá coas accións legais para lograr a suspensión do programa "Permanecer en México" tras a sentenza que ordena reactivalo. Con todo, asegurou que "mentres o proceso de apelación continúe, o DHS cumprirá coa orde de boa fe". O Tribunal Supremo rexeitou na véspera o recurso do Goberno de Joe Biden para pór fin ao programa estabelecido polo do seu antecesor, Donald Trump, que exixe aos inmigrantes en busca de asilo permaneceren en México mentres se resolven as súas peticións. A fronteira sur dos EUA rexistrou o maior número de entradas ilegais en 20 anos desde a chegada de Biden. En xullo bateuse un novo récord, con arredor de 212.000 detencións de inmigrantes, segundo datos da Oficina de Aduanas e Protección Fronteiriza. Son máis de 1,3 millóns desde outubro. 

Comentarios