Belarús acusa Polonia de agredir as persoas migrantes

A UE fala de "ataque híbrido e brutal" de parte de Belarús por non reprimir as persoas que intentan cruzar as súas fronteiras para acceder á Unión Europea.
Manifestación en Polonia en contra do maltrato aos migrantes. (Foto: Attila Husejnow / Zuma Press / Contactophoto)
photo_camera Manifestación en Polonia en contra do maltrato aos migrantes. (Foto: Attila Husejnow / Zuma Press / Contactophoto)

“As forzas polacas tratáronos brutalmente e empurrounos cara ao valado con arame de púas na fronteira”, transmitiu este 10 de novembro a garda fronteiriza de Belarús, logo de atopar un grupo de migrantes kurdos feridos na noite da terza á cuarta feira.

A rexión raiana de Belarús acolle miles de persoas en campamentos improvisados que intentan acceder a Polonia, Lituania e Letonia, nuns días nos que a temperatura oscila entre os -7ºC e os 8ºC.

Para estes Estados, isto implica un intento de desestabilizar a Unión Europea (UE) por parte do gabinete de Aleksander Lukashenko, ao que acusan de outorgar visas e trasladar  migrantes de Iraq, Afganistán, Siria e outros países, tras constatar que Belarús non está a reprimir os migrantes que tratan de cruzar os lindes para dirixirse a terceiros países.

A UE foi máis aló. Charles Michel, presidente do Consello Europeo, estivo este 10 de novembro en Varsovia (Polonia), onde reclamou “actuar con rapidez e decisión” na fronteira entre Belarús e Polonia, cualificando a situación como un “ataque híbrido, brutal, violento e indigno” por mor das sancións aplicadas a Belarús.

O secretario xeral da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), Jens Stoltenberg, expresouse esta terza feira en termos semellantes.

Militarización da fronteira

Mariusz Blaszczak, ministro polaco de Defensa, salientou a cuarta feira que a noite anterior “centos” de persoas pretenderan cruzar a fronteira antes de ser detidas, ao tempo que confirmou que 15.000 soldados foron destinados a protexer os seus límites territoriais.

Ademais de prohibir o acceso de civís á zona, foron enviados 8.000 membros das Forzas de Defensa Territorial, un corpo paramilitar de reservistas e voluntarios, confirmou o coronel Marek Pietrzak a medios internacionais.

Asemade, a chanceler alemá, Angela Merkel, solicitou ao presidente ruso, Vladimir Putin, que colabore na resolución da situación.
Organizacións como Médicos Sen Fronteiras criticaron duramente a violencia utilizada polas forzas policiais da UE para evitar o paso de migrantes, refuxiados e solicitantes de asilo polas súas fronteiras, especialmente en Hungría, Croacia e Bulgaria, o principal paso migratorio despois do acordo en 2016 con Turquía para que freara e retivera as migrantes.

Comentarios