Catalunya

A xustiza europea acepta os recursos dos nove presos políticos cataláns contra a sentenza do Tribunal Supremo

O tribunal xa aceptara os recursos de Oriol Junqueras, Jordi Sànchez e Jordi Turull por vulneración dos seus dereitos políticos.
Os presos políticos cataláns ao saír do cárcere en 2021 (Imaxe: Europa Press)
photo_camera Os presos políticos cataláns ao saír do cárcere en 2021 (Imaxe: Europa Press)

O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH) acolleu os recursos contra a sentenza ditada polo Tribunal Supremo español o 14 de outubro de 2019 contra os responsábeis políticos e sociais do proceso presentado polos nove presos políticos.

Son recursos que o xulgado acumulou nun único procedemento, e que foron presentados pola vulneración dos seus dereitos fundamentais no caso, en concreto, o de xuíz predeterminado pola lei, o dereito de manifestación, o dereito de opinión, o dereito de reunión ou fiscalidade penal.

Son dereitos fundamentais contemplados no Convenio Europeo de Dereitos Humanos.

O TEDH aprema agora o Estado español para que formule as alegacións pertinentes, de acordo coas preguntas formuladas polo xulgado, nun prazo que remata o 12 de xaneiro de 2024.

No escrito do xulgado, ao que tivo acceso VilaWeb, figuran copias en que se pide a revisión da sentenza ditada polo Tribunal Supremo en febreiro deste ano, tras a modificación do código penal que derrogou o delito de sedición.

Nesa revisión, o xulgado que preside Manuel Marchena mantivo intactas as penas de inhabilitación contra todos os condenados polo delito de prevaricación, e subsumiu a sedición no delito de desordes públicas agravadas no caso de Jordi Cuixart e Jordi Sànchez.

Quedaron extinguidos os casos de Joaquim Forn, Josep Rull e Carme Forcadell, condenados por sedición e non por malversación.

O TEDH xa aceptara os recursos de Oriol Junqueras, Jordi Sànchez e Jordi Turull por vulneración dos seus dereitos políticos debido á xustiza española mentres estaban en prisión preventiva.

Neste caso, o Estado español ten até o 1 de outubro para presentar alegacións.

Comentarios