A ONU conclúe que o Estado español violou os dereitos dos presos políticos cataláns

O Comité de Dereitos Humanos da ONU conclúe nun ditame que o Estado español violou os dereitos políticos de Oriol Junqueras, Raül Romeva, Josep Rull e Jordi Turull.

Os presos políticos cataláns ao saír do cárcere en 2021 (Imaxe: Europa Press)
photo_camera Os presos políticos cataláns ao saír do cárcere en 2021 (Imaxe: Europa Press)

A decisión do comité das Nacións Unidas responde á demanda que os catro políticos independentistas presentaron en decembro do 2018, aos que se lles suspendeu a acta de deputado conseguida nas eleccións do 21 de decembro do 2017.

O xuíz instrutor do Tribunal Supremo Pablo Llarena impuxo esa pena aos políticos de Catalunya a partir da Lei de Axuizamento Criminal, que contempla a suspensión de funcionarios públicos cando se lles acusa de rebelión.

Con todo, os catro dirixentes independentistas non acabaron sendo condenados por ese delito, senón polo de sedición. Esta decisión, pois, a ollos da ONU, incumpre o artigo 25 do Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos, que garante que todos os cidadáns poidan gozar do dereito de participar e ter acceso, en condicións xerais de igualdade, ás funcións públicas.

Unha manifestación pacífica

Di que sen entrar a valorar se existían indicios suficientes sobre a existencia de violencia –necesaria para imputar o delito de rebelión–, hai que ter en conta que os políticos pediron á cidadanía manifestarse pacificamente e que existe unha presunción a favor de considerar que as reunións son pacíficas.

"Os actos de violencia illados dalgúns participantes non deberían atribuírse aos organizadores da a reunión como tal", argumentan. Por todo iso o comité conclúe que a decisión non foi razoábel nin obxectiva: "Foi arbitraria porque non fixo unha análise das circunstancias individuais dos autores e non levou a cabo garantías de imparcialidade", di o texto.

Non é o primeiro pronunciamento que fai o comité. En 2019 o grupo de Traballo contra as Detencións Arbitrarias, que depende deste, pediu a liberdade inmediata de Junqueras, Sánchez, Romeva, Rull, Dolors Bassa, Joaquim Forn e Jordi Cuixart.

Ademais, o documento instaba o Goberno español a indemnizalos e realizar unha investigación 'exhaustiva e independente' do caso.

Comentarios